A cabeza do Bautista

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Cando era pequena, tiña unha Biblia ilustrada para niños cuns debuxos que non requirían texto. Dous deles engancheinos na retina e son incapaz de pensar nesas dúas historias sen pórlles unha especie de motion movie que consiste en variacións daqueles debuxos. O asasinato dun Abel, louro e branquiño, ás mans de Caín, negro e feísimo, atacando polas costas. E Salomé sostendo polos pelos a cabeza de Xoán Bautista, pingando sangue nunha noxenta poza vermella; Salomé belísima, coas tetas grandes e axitanada, a viva imaxe do pecado que parecía debuxada pola Marvel máis ca polo Vaticano. Aqueles asasinatos a sangue frío son a base da miña aprendizaxe relixiosa, pero en realidade o que me fascinaba de todo aquilo non eran os relatos, senón os nomes exóticos que aloumiñaban o meu oído de futura filóloga mesturando a Biblia coas Mil e unha noites: Asiria, Galilea, Babilonia, Sefarad, Damasco. Pois debe de ser porque xa teño moi vistas esas imaxes de loucos integristas degolando inocentes desde a infancia polo que non me inmutei gran cousa ao saber do yihadista británico que ten por costume decapitar occidentais e amosalos na onda da miña Biblia ilustrada. Ou ao mellor é que a miña capacidade para a conmoción xa estaba esgotada despois de seguir as noticias que xa non saen na prensa: as ducias de nenas secuestradas e violadas en Nixeria, a morea de kurdos escravizados, torturados e esganados a sangue frío no norte de Iraq, os centos de palestinos exterminados neses lugares das Mil e unha noites e da Biblia, ilustrada, agora seino, coas fotos de Europa Press.