Radicais e retrógrados

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

01 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Convénzome máis cada día de que esa falsa tirapuxa, en boa parte debida aos que se teñen por esquerda, entre radicais e retrógrados non é boa para o país. Porque acostuma ser falsa. E porque moitos están afeitos a instalarse na cómoda compracencia de sentirse radicais cando ao mellor son ben retrógrados.

Supoño que para quen non teña a mente embazada polo sectarismo, do signo que sexa, só retrógrada pode ser considerada esa teima -porque é unha teima- de suxerir e defender, sen poñerse roxos de vergonza, que só poden defender a implantación de galego como lingua normal de Galicia as chamadas «forzas de esquerda». Tal suxestión o único que fai é empequenecer o problema, reducilo a un asunto partidario é descoñecer a realidade plural, viva e real do país. Moi difícil imaxinar algo máis retrógrado.

Seguimos coidando moi pouco a linguaxe, nunca acougada e case sempre alporizada. Cando unha desas «forzas de esquerda» acusa a RAG de nomear candidato para o Día das Letras Galegas ao ditado da Xunta de Galicia, á marxe da ignorancia que pon de manifesto, está facendo unha política da peor dereita, como é rebaixar as institucións do país.

O sectarismo non ten nada que ver con ser radical: o radical procura ir á raíz dos problemas e ao sectario abóndalle co barullo e o dogma. Por iso un coñeceu tantos radicais de dereitas -o galeguismo é unha boa mostra histórica- e vai coñecendo agora, infelizmente, tantos retrógrados que se din de esquerdas que ningunha achega supoñen. Paréceme que este sectarismo vén atopando xa corrección nas derradeiras consultas electorais, no cadro minguante do voto radical que sospeito empeza a ser valorado como retrógrado. Como para que nos instalemos satisfeitos na comodidade acrítica da compracencia.