Librerías diferentes

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

31 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Buenos Aires segue sendo unhas das grandes capitais do libro. Do libro e da lectura. As librerías da rúa Corrientes pechan de madrugada, agardando a saída dos cines e dos teatros. E aquí, na capital arxentina, está unha das máis fermosas do mundo. Na miña opinión, a máis fermosa de todas ou, cando menos, a máis espectacular: o Ateneo Gran Splendid, na rúa Santa Fe, instalada no interior do que no seu día foi un gran teatro. Non hai visitante que non fique abraiado polas súas dimensións, pola súa confortabilidade e máis pola súa oferta. Clasificados segundo autores e materias, os títulos agardan polos lectores nos palcos, nas vellas plateas, no gran patio central, con amables recantos para a lectura e un cómodo restaurante no escenario, tampouco demasiado caro.

Certo que hai opinións. O xornal británico The Guardian presentou no seu día unha clasificación dos dez establecementos libreiros máis fermosos no mundo, segundo o criterio do periódico naturalmente. A librería porteña ocupaba daquela o segundo lugar. O primeiro era para a Selexyz Dominicanen, en Maastricht, que visitei hai dous ou tres anos na compaña do meu amigo Marc Wouters. Trátase dunha gran librería instalada nada menos que no interior dunha igrexa gótica do século XIII, retirada do culto dende o ano 1794. O decorado, as luminosas vidreiras, as elegantes bóvedas impresionan, cunha oferta de 25.000 títulos a disposición dos visitantes que, segundo os propietarios, chegan a 700.000 por ano.

A terceira librería na clasificación do xornal británico quédanos máis preto: a Lello e Irmâo, no centro histórico da cidade do Porto, rúa das Carmelitas, non lonxe da Torre dos Clérigos. Seica esta é do ano 1906. Entre os seus atractivos turísticos está o feito de ser frecuentada por J. K. Rowling cando a escritora británica, autora da saga de Harry Potter, residiu na cidade portuguesa impartindo clases de inglés. Algunhas escenas dos filmes da devandita serie foron rodadas na súa espectacular escaleira interior.

Espazos certamente extraordinarios para albergar o universo dos libros. Mais dos tres quédome coa librería de Buenos Aires, que non deixo de visitar cada vez que teño ocasión de viaxar á capital arxentina. Outra cousa é o servizo. Desgraciadamente estes establecementos se parecen cada vez máis aos grandes supermercados, dominados polos best sellers e os títulos de rotación rápida, que seica é o que impón o consumo. Esta ben pode ser materia para outra reflexión. O escenario, o espazo físico do libro tamén é importante. E quen tal afirma sabe de que fala, que deprendeu a ler na Biblioteca Pública de Pontevedra, hoxe Arquivo Provincial, antiga residencia dos rosacruces, levantada a principios do século XX polos Pintos Fonseca: palacete con fachada e escalinata de acceso inspirada na arquitectura helenística, flanqueada por dúas fermosas palmeiras e dúas magníficas esfinxes de pedra, a xeito de sentinelas. Cando eramos rapaces, logo de ler a Salgari, sentabámonos na entrada a ollar a boca da ría.