A primeira vez que escotei tal cousa era unha sentenza dun amigo, de cando aínda eramos mociños e estabamos a prepararnos para a vida. Referíase o Manolo, así o chamábamos, á distancia mínima que el esixía ao achegarnos á súa posición na pesca de troitas, no regato de Rebardille (As Pontes). Na artesa das miñas lembranzas hai un anaco daquelas xornadas nun territorio moi ligado ao meu aterraxe neste mundo.
O regato é moi pequeno e a pesca precisaba a seu entender, ademais doutras cousas, dalgún código para ter resultados. Quen participamos daqueles encontros coa natureza, moi preto onde o regato funde co río grande que lle da apelido ás Fragas do Eume, non tiñamos moitas esixencias co número de pezas, máis ben aproveitamos calquera circunstancia para pasalo ben, achegándonos a Manolo, que era ben competitivo, para preguntarlle por aquelo ou o de máis aló, sabendo sempre que a súa resposta, sería: «Pásame a tres regos, carallo».
Supoño que a maioría do pobo ten, temos, moitas incertezas do que está e vai pasar. Non sabemos de moitas cousas pero si dalgunha, isto non funciona e quixeramos unha democracia de verdade. A situación hoxe esixe de nós, da maioría popular, unha lección aos partidos políticos que xestionan un sistema inxusto e insostible. Temos feito moitas cousas por separado, á defensiva e illadamente, segundo chegaban as agresións a cada quen, mais sen masa crítica para producir un troco no acontecer das nosas vidas.
A comunicación nas súas manifestacións precisa de códigos, un conxunto de elementos misturados seguindo certas normas, para dar a coñecer algo. Entendo que hoxe a prioridade para o común das xentes debera ser tentar facerse escoitar e xa que logo esperar que actúe en consecuencia quen nos vai a representar.
Por iso quero aproveitarme da sentenza, do código que o Manolo repetía unha e outra vez para acadar os seus obxectivos. É unha idea que entendo pode dar resultados e unha lección para non esquecer a quen sexa merecedor de tal, segundo as nosas entendedeiras.
Xa queda menos para unha nova convocatoria electoral. Hai que facer converxer toda a nosa indignación, os nosos esforzos, nunha acción unitaria baixo unha proclama coma a de «a tres regos», facéndoa visible onde poidamos, onde cada un de nosoutros temos liberdade para sentírmonos nós mesmos, na fiestra da casa, nas redes sociais, na roupa que poñemos, etc., para expresarlles que agora non se acheguen a nós, que manteñan o distanciamento de sempre, que estamos fartos e cansos desta política.
É unha certa insubmisión electoral a toda a montaxe das maquinarias dalgúns partidos para facer o de sempre con pequenas variacións de careta, para tratar de rachar a dinámica das promesas incumpridas. Non é un chamamento a absterse porque sei que non é un sentir común, por iso logo quen queira ir votar que o faga en liberdade, pero cando menos que escoiten un berro unificador e posiblemente algo liberador.