A lección do ébola

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Media Humanidade sae gañando coa miseria da outra media: mentres a industria farmacéutica inviste cantidades billonarias en cosmética, a cura das enfermidades que matan en África quedou relegada á vontade dalgúns investigadores académicos. A cousa mudaría se as epidemias afectasen a consumidores en lugar de a persoas pobres, pero de momento é máis rendible permitir que sobre o terreo do ébola sigan traballando misioneiros sen medios en lugar de investir unha cuarta parte do que cada país rico lles vende aos países africanos en armas e montar un hospital de campaña. O ébola, como as maldicións bíblicas, está a ensinarnos a lección da lóxica internacional: os gobernos apelan á nosa mala conciencia burguesa para que deamos esmola ás Igrexas e ás ONGs e así lavan a cara con remendos en lugar de remedios. Eu tamén pago impostos para que non sufran as persoas que non son loiras e branquiñas. E pago impostos para que as persoas solidarias que traballan para isto que non fan os gobernos non topen coa usura de quen gasta millóns de euros en salvar alpinistas e navegantes de fin de semana pero pensa dúas veces se salvar a uns misioneios que colleron o ébola por tentar paralo. Si, como as sete pragas, igual merecemos saber que os virus descoñecen o concepto de fronteira.