Seguridade xurídica

Celso Currás
Celso Currás DEBATE

OPINIÓN

10 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Vivimos nun país con tres graves problemas para a Administración pública: moitos funcionarios, moita normativa e moitos gobernos diferentes aplicándoa sen ningunha coordinación. Como consecuencia, xorden constantes conflitos que rematan na vía xudicial, non estrañando, xa que logo, que haxa sentenzas contraditorias e situacións administrativas moi complexas. Se os problemas educativos, en xeral, teñen unha extrema sensibilidade social, os relativos ao persoal poden converterse en auténticas bombas de reloxería, que estoupan cando menos se pensa. O concurso de traslados, sistema ordinario de provisión de postos de traballo dos funcionarios, é un destes casos. Un profesional vai acumulando antigüidade e méritos, co fin de conseguir un mellor destino e, se considera que se vulneran os seus dereitos na vía administrativa, non dubida en acudir á xudicial para solucionalos, como ten ocorrido co vixente concurso de traslados, convocado o pasado ano.

Na Unión Europea existe un acordo marco sobre o traballo de duración determinada, anexo a unha directiva do ano 1999, que di, en resume, que non poderá discriminarse a un traballador temporal con respecto a un fixo, sendo iguais para ambos os criterios de antigüidade. Neste sentido, en Galicia, aos funcionarios da Administración xeral e do Sergas puntúanselles os servizos interinos nos respectivos concursos de traslados, cousa que non ocorre co profesorado. A referida norma europea non está incorporada ao noso Estado, no ámbito docente, pero o Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa ten avisado do seu incumprimento nalgúns casos relativos a trienios, sexenios ou promoción interna, nos que hai sentenzas contraditorias entre comunidades autónomas. Mesmo cóntase tamén con xurisprudencia deste tribunal, sobre o concurso de traslados, aplicada en Italia na mesma liña da directiva citada.

Polo tanto, co fin de buscar a maior seguridade xurídica posible, a Consellería de Educación decidiu aplicar, por primeira vez, a referida normativa europea. Xogaba tamén a favor o feito de que correspondía convocar concurso de traslados autonómico, desvinculado de calquera norma estatal. O asunto foi tratado, obviamente, na mesa sectorial, e segundo a información que teño, foi valorado positivamente por todas as organizacións sindicais.

As coñecidas sentenzas xudiciais que anularon parcialmente o concurso, non son firmes, pero a Consellería tampouco puido levar a cabo unha execución provisional das mesmas, por ser agosto inhábil a nivel xudicial. Polo tanto, optou por aplicar os resultados do concurso ata que haxa una sentenza definitiva. Deste xeito, o número de docentes afectados é duns 350, mentres que a paralización do proceso afectaría a preto de 1.700. Creo que é a mellor solución e que a Consellería está a facer un bo traballo. A Subdirección Xeral de Recursos Humanos é das unidades administrativas máis sólidas deste departamento, dirixida por José Luis Canosa, veterano e excelente profesional. Estou seguro de que todo o seu equipo ven actuando na procura da maior seguridade xurídica posible, pero o problema é, como dixen, contar cuns marcos xurídico e xurisprudencial desbordados e sen coordinación.