A Consellería de Educación pon de manifesto a súa incapacidade para xestionar o servizo educativo en Galicia; a súa actuación errática no concurso de traslados dos docentes vai provocar un inicio de curso problemático.
O profesorado galego foi convocado pola Consellería de Educación a participar este ano nun concurso de traslados. Mudou as regras de xogo escudándose na directiva europea 99/70 para considerar os servizos prestados en situación de interinidade da mesma forma que os de funcionarios de carreira.
Esta decisión, precipitada, improcedente e temeraria desembocou nun conflito de intereses que chegou aos tribunais, que ditaron sentenza que pode obrigar á Consellería a rebaremar todo o concurso de traslados e a anulalo. A polémica non é nova, a Consellería non di que xa se coñecían varios pronunciamentos contrarios ao novo baremo e só un non contrario. A prudencia recomendaba non modificar o baremo do concurso de traslados á espera dun fallo do Tribunal Supremo que unificase a doutrina. Moito máis se temos en conta que o 20 de febreiro de 2009 a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo (institución da que emana a directiva), xa manifestara que esta normanon era de aplicación para este caso. Esta resposta presentámola dende CC. OO. ao director xeral de persoal o 18 de outubro de 2013, antes de publicarse a orde pola que se convocaba o concurso de traslados.
Tamén resultou imprudente e temerario porque ningunha outra administración educativa do Estado daba un paso como a de Galicia e porque o Real Decreto de Concurso de Traslados, do Ministerio de Educación, non contempla tal puntuación.
Dende a sección sindical de Ensino de Comisións Obreiras xa advertiramos que calquera modificación do baremo do concurso de traslados debera vir da man dunha modificación do real decreto que o rexe negociado na mesa sectorial do Estado.
O Xulgado do Contencioso número 2 de Santiago admitiu a trámite a presentación de recursos contra a sentenza polo que, ata despois do 5 de setembro, non coñeceremos se confirma a firmeza da mesma ou pasa a un ámbito superior (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Desta forma, a Consellería ten que executar un concurso de traslados que pode ser posteriormente anulado, que provocará mais cambios nos cadros de persoal dos centros.
As consecuencias máis inmediatas foron a innecesaria xudicialización dun acto administrativo e a tardanza na dotación de profesorado aos centros ata o mesmo día que comeza o curso no caso de primaria, e despois de iniciarse o curso en secundaria. Pouco lle importa a esta Administración a preparación das clases para iniciar o curso e una atención de calidade na escola pública. De novo será a profesionalidade dos docentes a que teña que velar por dar una resposta de calidade.
Esta xestión da escola pública é a maior chambonada dos últimos 30 anos. Non nos queda máis remedio que seguir esixindo a dimisión do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de todo o equipo da Consellería pola actitude temeraria e neglixente na convocatoria do concurso de traslados, e por non ser capaces de xestionar axeitadamente ao persoal ao seu cargo e dar resposta a unha situación xerada por eles mesmos e que se está a converter nun verdadeiro caos.