Lembranzas do cárcere

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

A finais dos anos oitenta do século pasado botei un tempo no cárcere. Apresúrome a engadir que non foi como preso, senón como arqueólogo, por estraño que pareza. De feito, alí aprendín algo sobre o verdadeiro sentido da arqueoloxía. O lugar xa non funcionaba daquela como prisión, senón que eran unhas dependencias municipais coas que ninguén sabía moi ben o que facer. A policía local estaba instalada na parte das oficinas. O resto empregábase como almacén para a inxente cantidade de material arqueolóxico que saía das escavacións romanas da praza de Santo Domingo. Nós eramos catro e o noso cometido consistía en restaurar e clasificar ese crebacabezas de cerámica que é o pasado de Roma. Empregabamos produtos moi tóxicos que non sabiamos manexar, así que o noso traballo rutineiro ía rutineiramente acompañado de mareos, vómitos e alucinacións. Digamos que foi unha experiencia involuntaria coa psicodelia. Eu metera nunha das celas un colchón que trouxera da casa, e cando me ía moi mal, pechaba a porta e deitábame aló para recuperarme. Cando abría os ollos, vía as paredes da cela cubertas dos grafiti que deixaran os presos ao longo das décadas, e que eran como unha pequena Pompeia luguesa da desesperación e a escatoloxía. Abundaban os cómputos do tempo, a cousa menos valiosa e á vez a máis importante nun cárcere. Deitado alí, lía eses textos sen orde como se fose a Rayuela de Cortázar. Quizais instintivamente buscaba algunha mensaxe para min. Moitos anos atrás, ao final da Guerra Civil, o meu avó César estivera preso alí.

Estiven estes días en Lugo e vin que están restaurando o cárcere vello para convertelo nun centro cultural. Parece que ese é o destino final ao que tende todo edificio que no pasado foi cuartel, asilo, prisión ou sanatorio; o que dá que pensar. Esa transformación nunca é tan completa que non se perciba, de vez en cando, algún resto do que foi o lugar antes. Pásame no Museo Reina Sofía de Madrid, onde ás veces me parece escoitar unha tose fantasmal que quedou de cando o edificio era un hospital. Como o grafiti dos presos, a arquitectura é un texto escrito sobre outro texto. De feito, ao facer obra no cárcere de Lugo, precisamente, descubríronse os restos dunha antiga necrópole. Niso consiste a arqueoloxía: un busca unha cousa e atopa outra.

Pasoume a min tamén. Nunha daquelas ocasións en que me recuperaba dos mareos que me producían os disolventes, fun dar unha volta polo cárcere abandonado e, andando ás apalpadelas, na escuridade dun corredor, din inopinadamente cun pequeno tesouro, non de cartos, senón de feitos: dentro dunha cela, medio comida pola humidade, había unha morea de papeis vellos. Collín un e vin que era de 1936, creo que un recibo por un paquete que lle levaran a un preso. Fun mirando ao azar e axiña me decatei de que aquilo era toda a documentación do cárcere durante os anos da Guerra Civil que alguén quixera, quizais, facer desaparecer, seguramente cando se decidira pechar o cárcere. Había alí fichas dos condenados nas que se describía superficialmente o delito e a pena: «Rebelión militar» -a acusación dos rebeldes a aqueles que non se rebelaran- e «Morte», respectivamente. Unha tras outra, case todas as fichas que mirei reproducían esa mesma palabra, morte.

Iso foi o que aprendín sobre a arqueoloxía no cárcere vello de Lugo: despois de pasar alí meses pegando pezas de cerámica romana resultou que o verdadeiro segredo que esperaba ser descuberto estaba no ventre daquela cela chea de papeis vellos.