Ser galego

Fernando González Laxe
Fernando González Laxe FIRMA INVITADA

OPINIÓN

25 jul 2014 . Actualizado a las 11:02 h.

Hai ben pouco varios medios de comunicación interrogaron a diversas persoas sobre os trazos e as características de ser galego. O exercicio non era doado, senón todo o contrario. Proceder a definir e concretar aspectos da vida íntima e cotiá é unha tarefa ardua e case imposible para algúns galegos. As definicións dos galegos adoitan facelas, preferentemente, os de fóra e desde fóra. Nós dedicámonos a desmaterializalas e a fragmentalas para, desa forma, evitar unha clara, precisa e concisa táboa de atributos.

Repasando artigos e traballos sobre a antropoloxía dos galegos, un pode concluír que o galego é como un ser tripartito (por iso presidín aquel Goberno); pois combina, de xeito harmonioso e sen xerarquía, os seus «tres eu». En primeiro termo, o «eu da aceptación», posto que adoitamos dicir con moita reiteración, si señor, si. Pero iso non significa que esteamos de acordo co oído ou escoitado, senón que só indicamos o feito (matización, se se quere) de que entendemos ao noso interlocutor. O segundo, o «eu da afirmación». Isto é, cando, xa decatados do que define e busca o noso interlocutor, pasamos a definir a nosa propia postura e, a continuación, procedemos a soster unha proclamación. E, finalmente, o «eu da axuda e colaboración»; na medida en que sempre os galegos estamos dispostos a axudar, colaborar e prestar cooperación.

Rebuscando nas novas teorías e na práctica social dos últimos tempos, achego dez trazos que contribúen a unha definición ampla e sen rodeos do que somos e do que achegamos. Un galego sempre está participando, contribuíndo e elaborando; isto é, nunca está ocioso, porque xamais tivo unha tregua. Porque sempre estivo en permanente reclamación e á procura de novos obxectivos que permitan reparar aquelas situacións de difuso posicionamento e de tímidas opcións de futuro.

Sen querer ser exhaustivos, pero si concretos, poñámonos a enumerar os nosos trazos:

1. Ser galego significa estar dotado dunha complexidade psicolóxica moi notable. Oscilamos desde unha exaltación aberta dos nosos sentimentos ata o outro extremo, a capacidade de pecharnos e encapsularnos nas nosas propias coordenadas. Por iso, nun principio, somos reservados e seguros; pero, axiña nos convertemos en expresivos e confiados.

2. Somos posuidores dunha fe especial. Cremos tanto no «máis alá», aceptando as normas tradicionais; como tamén compartimos crenzas baseadas nas supersticións, construídas e transmitidas sobre a base de lendas.

3. Somos expertos na arte da relativización, pois somos dominadores das chamadas «zonas grises». De igual xeito, posuímos os trazos máis adecuados para ser elásticos e poliédricos, características non coñecidas nin practicadas noutras civilizacións e culturas.

4. Estamos dotados dunha intensa carga telúrica, polo que somos acérrimos defensores do medio e dos valores que encerran a terra, o mar, o aire e o lume.

5. Solidarios ata o final e xenerosos co próximo (mesmo co descoñecido). Por tanto, exercitamos un gran desenvolvemento dos conceptos de axuda, cooperación e hospitalidade.

6. Previsores nos cálculos económicos. Realizamos análises previas antes de adoptar decisións. De aí, a nosa capacidade de asumir riscos e de atesourar riquezas materiais e inmateriais. Somos, en consecuencia, grandes estrategos no campo da xestión e do posicionamento.

7. As nosas relacións sociais afirman e solidifican tanto as institucións familiares como os círculos de amizades. Estes dous ámbitos gozan das maiores doses de lexitimación e de respecto. Rompelos resulta moi perigoso.

8. Posuidores de claves e de códigos propios que transmitimos de xeración en xeración, independentemente de que sexan coñecidos ou non por outras civilizacións. Reforzamos a nosa identidade diferenciadora fronte ás inercias globalizadoras que intentan a homoxeneización e a estandarización.

9. Gran capacidade de resignación, aspecto que non invalida a fortaleza e a enerxía da acción fronte á inxustiza, a agresión ou a alteración do que chamamos «o noso».

10. Orgullosos de ser como somos, de pertencer a un país, e de defender «o noso», no tocante á cultura e ás tradicións. Finalmente, posuidores dunha gran capacidade de resistencia, chegando mesmo ao enfrontamento na devandita defensa.

Espero que reflectise a uns cantos, non á totalidade; xa que como bo galego, sería difícil atopar algún que diga que isto que está escrito e que vostede leu sexa verdade, que é auténtico e que é doadamente constatado. Só aspiro a que os que lean o artigo se sitúen no «eu da aceptación»; despois, xa me chegarán os acordes do «eu da afirmación»; porque do que estou seguro é de que continuamos posuíndo o «eu da colaboración».

Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta de Galicia