Galicia en letras

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

Xa chega o día de Galicia. En tres días o temos aquí. Non hai mellor maneira de celebrar a nosa festa que coller algún dos poemas do homenaxeado este ano polas Letras. Uns versos de Díaz Castro para aplaudir a beleza do poeta ferido pola beleza. Galicia é moitas cousas, pero é natureza. Unha natureza que deixa abraiado ao visitante, que secuestra o corazón do turista. Esa natureza está detida para disfrutala nos poemas de Díaz Castro. Deixémonos por unhas horas de liortas, e disfrutemos das palabras fermosas que viaxan na obra de Díaz Castro. Luís G. Tosar é un dos grandes adiviñadores dos traballos do elixido da festa de maio. Que eses traballos alumeen tamén a festa de xullo. Se hai algo no que Galicia é unha potencia mundial é na poesía. Somos un país de emocións e, polo tanto, un país de poetas que pintan o noso ceo con palabras saltarinas e fermosas. Temos un tesouro: un arco da vella de poemas que ao recitarse deixan o corazón saltando coma se fose un peixe fóra da auga, pero a tempo de volver ao río. Lean os poetas galegos e disfruten da festa de Galicia, lonxe do rancor, con sorrisos, beixos e versos.