Ordes de protección

Marina Mayoral< / span> PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

21 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O director xeral de Xustiza informa de que no 2013 houbo 1.490 peticións de ordes de protección para mulleres vítimas de violencia machista en Galicia, das cales 600 foron denegadas, o 40 % do total.

Por que se denega unha petición de protección? Chamo a unha amiga, xuíza en Madrid en casos de maltrato. Unha orde de protección -dime- supón privar ao denunciado de dereitos fundamentais, como, por exemplo, a libre circulación (non achegarse á súa casa nin á presunta vítima). Non pode darse sen que existan indicios de delito, risco para a muller e probas: testemuñas, partes médicos. A declaración da muller non é suficiente.

Parece xusto, pero penso nos casos frecuentes de mulleres asasinadas polas súas parellas nas que non houbo denuncia previa -«parecía un bo home», «ela nunca se queixou», adoitan dicir os veciños-. Nin testemuñas nin partes médicos. Só unha muller co seu medo, a súa vergoña, a súa ignorancia ou a súa indefensión económica. Unha muller que nunca se atreveu a solicitar axuda.

A policía recibe cursos para axudar en casos de maltrato; nas comisarias procúrase que sexa unha muller a que reciba as denuncias. Inténtase axudar, pero a solución ao problema ten que vir de máis lonxe: dunha educación que inculque aos nenos as ideas de respecto e igualdade entre os sexos, e dunha sociedade que fomente a independencia económica da muller.

Na loita contra o maltrato queda aínda un longo camiño que percorrer.