Levar a contra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

04 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha cousa é ser inconformista, e outra levar a contra por sistema. E esta última, precisamente, é a única explicación que atopo para entender certos comportamentos. Pasaron xa moitos meses dende a primeira vez que escoitamos pedir a dimisión da ex ministra Magdalena Álvarez. E por fin chegou. Por suposto, sempre hai voces críticas co tempo que tardou en dar o paso adiante, e as razóns que deu para realizalo. Ata aí todo ben.

O que non comprendo é o seguinte. Willy Meyer, ao coñecer, ou saltar a coñecemento público, que tiña un plan de pensións relacionado cunha sicav en Luxemburgo, non tardou máis ca horas en pedir a baixa na actividade e dimitir. Pois ben. A isto pensei que non habería moito que dicir, pero foi enorme a miña sorpresa cando, unha das primeiras declaracións que escoitei, foi a dun contertulio que lle chamaba covarde.

¡Por dimitir! Non comprendo. ¡Pedimos transparencia, coherencia, exemplaridade? e este participante nun debate chamándolle covarde!

Primeiro pensei que era simple gusto por levar a contra, pero realmente supoño que será amigo dalgún outro político que mantén o seu fondo de pensións a pesar de coñecer o funcionamento do mesmo. Ou iso, ou afiliado dun dos partidos que manteñen activas as contas no devandito plan. E iso si que me dá moita peniña.

Non se pode ser así. O mínimo era calar a boca. Pero non, xa estamos tan afeitos a levar a contra aos demais, e protestar por todo, que perdemos o rumbo. Vou insistir no da coherencia, que tanto escasea.