O referendo irlandés


C onversa cun irlandés do norte, católico, sobre o mapa dos Estados membros da Unión Europea despois de 2017. Véxase que as Illas Británicas son dúas, a Gran Bretaña e a Irlanda. Na maior delas teñen entidade política Escocia, Gales e Inglaterra (Cornualles é unha anécdota). Na menor están a República Irlandesa e a Irlanda do Norte, apéndice ao que nunca renunciou o país liberado ao sur. Non é preciso lembrar a violencia agochada con que se vive no norte, a fractura insuperable entre irlandeses indíxenas (católicos) e descendentes de colonos gran-británicos (protestantes).

Logo nuns meses habemos saber o que deciden os escoceses, tendo en conta eles que no 2017 os ingleses poden decidir abandonar a Unión Europea, arrastrando nesa hipótese aos galeses... e os propios escoceses se antes non decidiren a secesión.

Sorprende o silencio xeral sobre o referendo en Irlanda do Norte en 2016. Nese ano vai ter lugar a consulta acerca da súa separación do Reino Unido. «O si está garantido», informa o fillo desa terra en loita desde hai un século, «porque somos maioría; e a seguir viría a unión coa República».

Ora, ¿por que tanto sixilo? «Porque a convulsión que se prevé é terrible: os unionistas nunca aceptarán a súa derrota. Londres tenlle a iso un medo moito maior có que lle ten Madrid ao de Cataluña», di este irlandés.

Votación
32 votos

O referendo irlandés