Os homes do príncipe

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

21 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A soidade do príncipe Juan Carlos viuse compensada coa lealdade duns poucos amigos que o axudaron a romper o illamento da Zarzuela e a relacionarse, discretamente, con personalidades das democracias estranxeiras e con españois a prol do cambio. Jaime Carvajal, Nicolás Franco, Manuel Prado y Colón de Carvajal, José Joaquín Puig de la Bellacasa, José Mario Armero e Gonzalo Fernández de Córdoba foron algúns dos seus colaboradores.

Carrillo non crera a Nicolás Franco no encontro en París e seguía falando pestes do príncipe, quen enviou a Manuel Prado a Rumanía -país co que non había relacións diplomáticas e ao que o pasaporte non autorizaba a viaxar- para pedir ao presidente Ceacescu que transmitise ao seu amigo Santiago Carrillo o compromiso de legalizar o PCE o antes posible. Dous días tardou Ceacescu en recibir o mensaxeiro e aceptar o encargo, pero tomouno con calma; antes enviou, clandestinamente, a Madrid un ministro pedindo ser o primeiro presidente estranxeiro que visitase a España do rei Juan Carlos. O prezo era altísimo, pero o príncipe aceptouno e Carrillo recibiu o recado. Ano e medio despois, cando Ceacescu dispuña a viaxe, un terremoto en Rumanía impediullo, e o acordo ficou secreto.