A cidade no ventre do paxaro

Miguel-Anxo Murado< / span> LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Cada vez que volvo a Lugo pásame que o encontro máis romano. Cada vez vexo máis comercios que teñen nomes latinos ou fan referencias augústeas. Placas, estatuas, monumentos. Mesmo o novo hospital que se fixo leva o nome de Lucus Augusti. Imaxino que é o efecto da celebración anual de Arde Lucus, que está tendo lugar xustamente estes días, e na que a cidade se viste de toga e calza sandalias ou se pon máis ou menos céltica, ou bárbara. A festa callou, se cadra porque é unha mestura das dúas festividades que máis lles gustaron sempre aos lucenses, o Entroido e o San Froilán, e fixo que a xente se interesase polas cousas romanas como nunca antes ninguén se interesara. Hai colectivos que pasan o ano repasando con toda minuciosidade o equipamento militar da época, practicando a instrución coa lanza regulamentaria, aprendendo a elaborar produtos de coiro á maneira romana ou ensaiando o procedemento lexislativo do Senado de Roma. Penso na ilusión que lles tería feito ao noso profesor de Historia do instituto, o inesquecible don Cándido Cascudo, e ao de latín, o gran filólogo don Amable Veiga, isto de ver a toda a cidade estudando de maneira voluntaria o que daquela os rapaces do BUP tanto nos resistiamos a aprender.

Cando fundaban unha cidade, os antigos romanos pedían o que hoxe se chamaría un informe de impacto ambiental aos arúspices, uns adiviños que prognosticaban o futuro observando as vísceras das aves. Así foi con Lugo, establecida pouco antes do comezo da Era cristiá por Paulo Fabio Máximo. Sempre me gustou esta idea de ter nacido nunha cidade que estaba contida no ventre dun paxaro, que tratándose de Lugo seguramente foi un pardal ou un estorniño. Eu mesmo nacín nunha rúa romana, por así dicilo, nunha casa da estrada de Santiago por onde pasaba a antiga Via XIX que enlazaba en Astorga con outras que levaban ata a gran urbe. Un camiño que, literalmente, vai dar a Roma.

Sen embargo, ata polo menos mediados dos anos setenta Lugo era pouco romano. As Termas funcionaban como balneario. Na praza do Campo, se un se fixaba, podía distinguir unha columna romana sostendo unha casa. A calzada -que non era romana, pero conservaba o nome e o trazado- estaba en parte asfaltada, e a ponte romana quedaba semioculta por unha armazón de ferros que lle puxeran no século XIX e que era como se levase unha ortodoncia para os dentes. Mesmo a Muralla era unha presenza sabida pero pouco visible, tapada polas casas pegadas e os garaxes. E cando chegou o Bimilenario, celebrouse cun torneo de baloncesto. Era como se a cidade tivese enterrada Roma no xardín, como un tesouro ou como un crime, pero rabuñabas un pouco a superficie e saía. Tiven a ocasión de comprobalo persoalmente cando, no meu primeiro e último traballo importante como arqueólogo mozo, dirixín unha escavación de emerxencia ao pé da Muralla, na rúa Vilalba. Atopamos moitas pezas de cerámica, esnaquizadas, loxicamente, e os operarios, que eran obreiros dunha construtora de Bretoña sacudían a cabeza. «Tan listos e tan torpes», dicía un, referíndose aos romanos: «E que non tiñan coidado ningún coa louza?».

Eramos, tamén, un pouco como os arúspices, só que nós liamos as entrañas da cidade para coñecer o seu pasado e non o seu futuro. O caso é que non sei en que paxaro viron os arúspices o destino de Lugo, se foi nun pardal ou nun estorniño. Pero alégrome de que, entre todos os exemplares de aves, escolleran aquel, e entre todos os Lugos posibles, resultara este. Non é que pense que é perfecto, pero este é o único no que están os nosos recordos.