Un relevo oportuno. ¿Servirá?

Justo Beramendi FIRMA INVITADA

OPINIÓN

03 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Andabamos todos enleados con se o Pablo Iglesias vivo é trasunto de Chávez ou de Lenin (ou mesmo un Marine Le Pen travestido, segundo Rosa Díez) e intentando predicir que pétalo dará nome á rosa (¿Susana?, ¿Eduardo?, ¿Carmen?, ¿Pedro?) cando chegou o rei e mandou virar rotativas e tertulias. De Juan Carlos I a Felipe VI. Nada menos. Ocasión perfecta para que os republicanos pidan República, para que os nacionalistas cataláns e vascos proclamen raudos que para eles tanto dá pai coma fillo e para que os moitos afectos ao statu quo institucional protagonicen o obrigado rosario de xaculatorias sobre as bondades do reinado. Todo normal.

Calquera que contemple os últimos corenta anos cun mínimo de ecuanimidade ten que recoñecer a contribución de Juan Carlos de Borbón ao tránsito da ditadura á democracia, aínda sendo republicano e moi crítico, como o son eu, con determinados aspectos do sistema resultante e con algunhas consecuencias negativas do seu funcionamento a medio prazo. Por mor desa contribución, a Coroa foi durante tres décadas un dos alicerces do Estado xurdido da transición, como amosaban reiteradamente as enquisas. Pero todos sabemos que, por deméritos propios, hai anos que a imaxe positiva da monarquía empezou a tornarse en máis e máis negativa a ollos dunha parte crecente da opinión pública. De puntal rexo a esteo corroído que ameaza con axudar a que se afunda o edificio cando, ademais, tantos outros peares están aínda peor. O rei, non sen demorarse de abondo en aceptar o que significaba o rápido e espectacular afundimento da súa popularidade, acabou finalmente recuperando o seu olfacto político xuvenil e comprendendo a urxencia de intentar que a monarquía recupere o seu vello papel. E para iso só podía facer unha cousa: renovala marchándose. É o seu último servizo á pervivencia do sistema do que foi coautor. Quen pensan que este sistema é o máis conveniente, ou o menos malo, para a sociedade española teñen para con el un último motivo de agradecemento.

Outra cousa é que o xesto consiga o que pretende. Son dos que pensan que, ao contrario do que aconteceu en España até 1931-1936, a forma do réxime, sen deixar de ser algo con certa incidencia na vida pública, non está entre os principais factores condicionantes da dinámica sociopolítica.

A partir de 1978-1981, o dilema república-monarquía deixou de ser equivalente ao de democracia-non democracia (e que me perdoe Cayo Lara e outros), o que non impide que a República siga sendo o réxime máis consecuente cos principios democráticos. Coa situación actual de profundas crises simultáneas (demográfica, económica, social, nacional, de moral pública, de involución democrática), unha monarquía rexuvenecida e mesmo outra volta exemplar, pero con competencias constitucionalmente moi limitadas e sen o carisma que lle conferiron as circunstancias irrepetibles da transición, non pode facer gran cousa para aliviar tan gravísimos males.

Os remedios só poden vir dos poderes de verdade, sexa dos que teñen os vellos actores económicos (de dentro ou de fóra de España) e políticos, sexa dos novos poderes sociopolíticos que poidan ir conformándose ao calor das respostas dos damnificados polas crises. En cambio, unha reacción masiva deses damnificados si pode levarse por diante á monarquía por considerala parte do sistema a eliminar, da «casta» que dirían os de Podemos, e con independencia de que os seus titulares cumpran as súas funcións á perfección. Claro que se non as cumprisen, as probabilidades aumentarían exponencialmente. En suma, antes, agora e mañá, a monarquía é unha variable dependente doutras máis poderosas, polo que non sabemos se a abdicación servirá para moito, para pouco ou para nada.

Justo Beramendi es catedrático emérito de Historia contemporánea da Universidade Santiago de Compostela.