Abdicar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai uns meses, cando o monarca se someteu a unha das últimas operacións cirúrxicas, o seu médico (un profesional galego, por certo) confesaba que descoñecía cal eran as funcións dun monarca. Fíxome pensar. O primeiro que me veu á cabeza é que o rei, nos países que se rexen pola monarquía, é o xefe do Estado do país, símbolo de unidade e representante do reino. É dicir: a nosa imaxe, o embaixador. E como tal, exerceu sempre.

O debate da necesidade ou idoneidade dun réxime monárquico é outro. Aquí, e agora, temos un rei, que para os que nacemos no mesmo ano da Constitución, ten un significado especial. Esa lei máxima, ríxida e estrita, deu paso a moitos dereitos dos que hoxe gozamos. ¿Que pode ser mellorable? ¿Que deberían adaptarse algúns puntos aos novos tempos? Non o nego, pero creo que esta norma, asinada polo rei, ten moito que ver no avance do progresismo no noso país.

Sei o que están pensando. Que don Juan Carlos é un rei imposto. Para os detractores del (moitos menos que os do sistema), este é un punto a favor. Pero non debemos esquecer que a imposición tamén foi para el. Os comezos fóronlle ben difíciles e, con todo, creo que soubo manter o tipo e defender a súa posición, tan delicada.

Aos lugares hai que saber chegar. Pero máis importante aínda é saber marchar deles. E el si soubo. Entendeu a petición do pobo dunha renovación, moito máis que moitos dos nosos políticos, aínda que a estes se lles pedise con maior insistencia. A monarquía vive un momento delicado, coa maior desconfianza dos cidadáns.

Cando un está arriba, ten que saber baixar, incluso a cabeza. Creo que con aquel famoso: «Lo siento mucho, me he equivocado», comezou a verse ao lonxe esta abdicación. ¿Sinceridade ou estratexia mediatizada? Tanto me ten. Esas palabras a min válenme. Xa quixera ter escoitado dalgúns políticos, dirixentes ou opositores en calquera momento, entoar o mea culpa.

Ceder o anuncio da fin do seu reinado ao presidente do Goberno infunde normalidade institucional. Por iso, non me estraña que se pecho os ollos me saia un sentimento entrañable cara ao monarca. Igual ten algo que ver a omnipresencia dos seus retratos en todas as aulas das escolas. Ou o impacto que causou ao chegar á Costa da Morte. Cousas que, aparentando pequenas, polas súas pegadas convértense en grandes.