Sen dúbida, estas eleccións europeas deixan un sabor agridoce para o PPdeG: seguimos a ser o partido no que confían maioritariamente os cidadáns e as cidadás, pero baixamos en porcentaxe de apoios. Unha parte do noso electorado decidiu quedar na casa o 25-M, e iso é algo que merece unha profunda análise pola nosa banda.
Nin que dicir ten que partíamos dun teito moi alto. Nas europeas de 2009 acadamos máis dun 50% dos votos. Manterse nese nivel tras cinco anos sendo o partido de goberno en Galicia e dous e medio en España é, cando menos, unha utopía.
Ademais, gobernar desgasta, e se algo tivo claro sempre o Partido Popular é que prefire xestionar con responsabilidade aínda a costa de desgastarse a si mesmo, antes que gobernar desgastando ao país. O interese común sempre estivo por enriba de calquera interese partidista ou persoal.
Os cidadáns enviáronnos unha mensaxe o pasado domingo e os populares acusamos recibo e poñémonos mans a obra desde xa. Entre os resultados acadados en 2009 e os resultados deste ano hai un 15% de diferenza e iso non pode máis que conducirnos a unha reflexión que levaremos a cabo sosegadamente e, por suposto, con autocrítica.
Somos o partido co que máis se identifican a maioría dos cidadáns e cidadás e iso impón un alto nivel de autoesixencia ao que non imos renunciar.
Debemos recuperar o punto de encontro cos nosos votantes e tomar decisións que vaian en consonancia coa forma de facer política que demandan as persoas e tamén os tempos que corren.
Os esforzos levados a cabo para sacar a flote a economía e blindar os servizos públicos básicos foron fundamentais pero non son suficientes para chegar ao que demandan os cidadáns e cidadás dos seus representantes públicos. Fai falla algo máis, e nós comprometémonos a facer da política un proxecto ilusionante que nos involucre a todos e todas.