Nos despachos dos profesionais da política e nos programas televisivos convérsase sobre uns temas que, a eles, deben de parecerlles interesantísimos: máis votos do PP fronte ao PSOE, a sucesión dun secretario xeral, a extrapolación dos resultados electorais a anos vista, as futuras alianzas deste ou doutro... Cousiñas que á xente normal, con todos os respectos, dannos exactamente igual. O mundo derrúbase ao noso arredor por culpa duns poucos e os enredos de cúpula e de siglas non deixan de ser un asunto que sentimos afastado e alleo.
Con todo, sabemos que estes debates teñen que ver, precisamente, co medo á que as cousas deixen de ser como son. Podemos non logrou aínda transformar a situación de estafa que chaman crise e que está a enriquecer aos poucos mentres empobrece aos máis. Pero si conseguiu romper o relato que a casta levaba anos sostendo: que a democracia era escoller cada catro anos entre Pepsi e Coca-Cola, nunha sorte de reinado absoluto do PPSOE, e que constituía un sistema imperfecto sen remedio, onde a irresponsabilidade dos cargos públicos, a profesionalización da política, as portas xiratorias e a corrupción endémica eran inevitables. Podemos demostrou que cando a cidadanía digna e decente fai política, o quefacer interesado e incompetente da casta deixa de ser o único posible.
Eles esgrimen cifras e dinnos: mirade, ilusos, que seguimos tendo o poder, que aínda temos estes votos, que non sodes nada e nós somos todo. Pero nós sabemos das eivas democráticas que explican as súas estatísticas e da transformación dos marcos dende os que entendernos, que vai máis aló dos números e que xa está tendo lugar. De momento, constatamos que cada día, en cada círculo, somos máis. E que nos desborda a ilusión.