O pobo reclama outra cousa

Xavier Vence O DEBATE

OPINIÓN

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As eleccións europeas deixan moitas mensaxes. A primeira é que o proxecto europeo conducido polas finanzas e Alemaña non só non ilusiona senón que xenera unha aberta contestación no centro e na periferia, con espresións dispares pero cun común rexeitamento á centralización do poder e ao vaciamento da soberanía. A segunda é que os partidos da gran coalición servís da banca, os lobbies e as grandes fortunas perden peso. No caso español e galego a pasos axigantados. A terceira é que os procesos de afirmación das novas nacións en Europa avanzan con forza (Escocia, Gales, Cataluña, Euskadi, Flandes, etc.

Na Galiza a cidadanía sentenciou un descalabro histórico do PP e do PSOE. O abuso escandaloso da propaganda nos medios públicos polo PP non lle evitou o castigo polo fracaso das políticas de Rajoy e Feijóo, a megacorrupción na que asentaron o seu poderío, a utilización das institucións como fincas privadas a repartir entre os seus e os lobbies, a utilización do orzamento público como saco sen fondo para os piratas do público, cazadores de contratos tramposos, negociantes coa saúde e a dependencia das persoas. Cada vez que protexen e amparan aos corruptos están dicindo que queren seguir igual. A cidadanía dixo non de xeito clamoroso a todo iso.

No BNG obtivemos representación pero o nivel de apoio evidencia a necesidade de afondar nas mudanzas. Sentímonos parte de toda esa maré plural que está a dicir basta e que quere construír outra cousa. Nós creemos que iso ten que facerse en clave de país, como cren cataláns, vascos ou escoceses. Cómpre galeguizar o debate sabendo que as alternativas pasan por ter ferramentas propias para tomar decisións acaídas ás nosas necesidades concretas, que distan moito das madrileñas ou catalanas.