A derrota que vén de sufrir o bipartidismo está en relación co esgotamento do réxime político da transición. A contestación social en aumento, as mareas multitudinarias e as marchas da dignidade, o esborrallamento dos dereitos gañados nas loitas contra a ditadura así o anunciaran. Os resultados amosan o desgaste que acumulan os partidos que se alternan aplicando a mesma política, que cancela dereitos e liberdades sen os cales non hai vida democrática.
O pobo galego sinalou a saída social e democrática a este réxime insoportable ao votar polos seus dereitos, ao votar Tsipras, ao votar democracia. No noso país, as forzas políticas que acreditamos nun programa de ruptura democrática sumamos máis apoios e somos máis fortes, namentras o PP perde 200.000 votantes, que sumados aos case 150.000 que se deixa o PSOE dan conta dun bipartidismo malferido pola esquerda.
Feijóo non ten xa lexitimidade algunha para seguir a recortar, privatizar ou deixar facer á corrupción. Esa política austericida foi derrotada. É a hora do pobo, que dixo non á condena do paro, á precariedade infinita, aos baixos salarios, ás facturas da luz multiplicadas, aos repagos nos comedores escolares, á malnutrición infantil, á pobreza, aos desafiuzamentos incesantes... Do pobo que ao resistir crea as condicións para gañar dereitos e unha vida digna. É tempo para escoller entre a ruptura democrática do pobo ou unha abafante restauración das elites; tempo de procurar espazos de empoderamento para a xente do común e de creación de contrapoderes sociais; tempo para a vella toupeira da cultura; tempo para sementar unidade. Hai unha alternativa, afíncase na esquerda e a forma o pobo. Imos gañar a vida.