É de balde e non deixa rastro

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É o que repiten nos medios de comunicación cada vez que falan dos últimos crimes machistas, dous nunha semana, para publicitar o teléfono contra o maltrato 016: é de balde e non deixa rastro na factura. Pero así escrito parece que se pode aplicar ao propio feito de matar mulleres. Asasinar unha muller non custa nada, e unha vez feito, a vida segue igual. Unhas cantas concentracións de repulsa. Algún artigo de opinión. Bágoas efémeras. Uns anos no cárcere coma macho ibérico. Tanto dá que morran de morte natural ca matalas directamente. As mulleres saímos gratis, e velaí o rastro invisible que deixaron María Belén (lanzada desde un coche en marcha na Coruña), María Xosé e a súa nai Adela (mortas a golpes en Cervo), Elena (acoitelada en Foz), algo antes Isabel (en Marín), e tantas outras que só lembran aqueles que de verdade as quixeron.

Entretanto, o resto seguimos permitíndonos mirar á cara aos maltratadores. Seguimos convidándoos ás nosas festas, sentando con eles nas igrexas, saudándoos no ascensor, aplaudindo a súa falsa amabilidade. Mentres elas sofren ata o día da morte anunciada, de balde, e que tampouco deixará rastro porque seguimos crendo que é cultural iso de crerse máis forte, máis poderoso, máis capaz e máis digno cá muller amada. Fóra da pátina hipócrita coa que nos escandalizamos en público, tanto nos teñen as mulleres mortas, sexan veciñas ás que os seus homes martirizan, ou sexan nenas ás que escravizaron uns terroristas en Nixeria. Son mortas de balde. Porque as cousas importantes para nós, en realidade, son se o PIB subiu un 0,03 ou un 0,04 %, ou se España xera emprego medrando ao 2 %.