Non van crer a alegría coa que tomei o almorzo o outro día. Baixábanme as galletas coma auga. De feito, perdín a conta, e xa non sei nin cantas tomei, pero podo asegurarlles que foi un exceso.
O outro día almorcei escoitando ao presidente da nación. E estou desexando que chegue o 2015. Non sei de onde sacou os datos do futuro, pero son totalmente marabillosos. Vai baixar o paro, imos vivir moito mellor, a economía vai medrar? É máis. É que xa levamos seis meses nunha curva ascendente, positiva. Debe ser que eu me empeñei en vivir no pasado, que estes seis meses fixen máis contas ca nunca, revisei todos os gastos e pensei máis ca nunca no futuro, e obrei pensando que non se presentaba mellor. Vaia trangallada. Se xa van aló catro meses de ano e non queda máis ca a dobre para que remate, e en canto chegue o 2015, chimpún, ¡festa! Cando soen as doce badaladas da noite de fin de ano, vou engulir as uvas, brindar, e arrebolar a copa e deixar que caia e escache. Porque por fin xa a crise rematou e imos vivir tranquilamente.
O do almorzo do outro día foi un exceso, seino, pero coa emoción, non puiden conterme. Máis de catro millóns e medio de parados é unha cifra extraordinaria. Debemos montar unha festa, porque o merecemos. ¿Quen non querería unha cifra así? Eu si, e iso que son das que engrosan o número. Despois deste dato, e das aseveracións sobre o futuro, non podo deixar de sorrir.
Quero crer, señor presidente. Pero o conto do lobo non me deixa. Anuncios así van un feixe deles, e o tempo non deu a razón.