Son Futuro, o Son de Europa

Cibrán Sierra Vázquez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

03 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Fálase moito de facer país. Do importante de ter un proxecto, de construír futuro, de investir. Fálase de imaxe, de marca, de proxección exterior. Fálase de converxer con Europa, de non quedar atrás, de desenvolvemento, do sostible. E fálase moito, mais pouco se escoita. E se algo ensina a música é que a ferramenta fundamental, imprescindible para que creador, intérprete e público se atopen nese triángulo máxico e intanxible de comunicación absoluta é o exercicio radical da escoita. E sería importante que a sociedade galega escoitase con atención o que leva soando harmoniosamente e sen ruído ningún, dende hai xa vinte anos, na cidade da Coruña.

Alí, hai dúas décadas, grazas ao esforzo persoal de profesores membros da espléndida Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), moitos deles estranxeiros, mais dende o principio admirablemente comprometidos coa educación musical da mocidade local, comezou a funcionar un proxecto educativo que, paseniño, pero contundentemente, ten cambiado radicalmente o panorama da música no país. O que entón viu a luz como Escola de Práctica Orquestral (enchendo o baleiro da pioneira e entón extinta Xove Orquestra de Galicia) e hoxe chámase Son Futuro (fermoso nome, por certo), deunos a oportunidade a centenares de mozos e mozas galegos de formarnos con músicos de primeira orde facendo música cunha actitude profesional, cunha disciplina e cun saber facer á altura dos mellores proxectos europeos. Grazas ao traballo realizado por todos estes profesionais, encabezados por persoas como James Ross, Petur Eiriksson, David Ethève, Rubén Gimeno e Alejandro Sanz -directores do proxecto educativo da OSG nas súas diferentes etapas-, varias xeracións de galegos recibimos unha formación privilexiada que nos permitiu alcanzar cotas profesionais ata entón insólitas e que nos abriu horizontes persoais e artísticos que semellaban outrora inalcanzables para a mocidade galega.

Cando se fundou a OSG non había galegos nos seus atrís. Hoxe hai galegos nas dúas orquestras profesionais galegas, nas mellores orquestras españolas e nunha sorprendente cantidade de orquestras de talle mundial, dende Berlín a Londres, pasando por Amsterdam ou Hamburgo. Nos anos noventa, un rapaz galego becado na JONDE (Joven Orquesta Nacional de España) era un acontecemento. Hoxe, os galegos son unha das comunidades autónomas con máis pegada nesa institución e os nosos mozos son presencia habitual nas orquestras xoves da Unión Europea (EUYO) e na Gustav Mahler (GMJO), fundada polo recentemente finado Claudio Abbado. A mocidade galega enche hoxe as mellores universidades de música de Europa e EE.?UU., de Basilea a Yale, e recibe bolsas, premios e recoñecementos profesionais das institucións e concursos máis prestixiosos do mundo musical. Hoxe hai galegos invitados como concertinos e solistas á fronte das mellores agrupacións, dende Escandinavia ás Américas, galegos que lideran grupos de cámara considerados punteiros na escena internacional, galegos que exercen a docencia en institucións superiores de recoñecido prestixio e galegos que traballan ao carón das grandes estrelas da música que onte admirábamos como seres dun planeta situado a anos luz do Padornelo, Fisterra e a Estaca de Bares. E o máis importante: hoxe -a pesares da lamentable falta de apoio institucional dos poderes públicos e privados, que semellan só interesados en desmontar de xeito suicida o feble tecido educativo e cultural do país, esquecendo que con Europa non só hai que converxer en datos macroeconómicos- existe unha xeración de músicos que, en Galicia, día a día, artella novos proxectos educativos, funda e coordina ciclos de música clásica que se miran con admiración dende fóra, crea e promove novas agrupacións instrumentais -sinfónicas e de cámara-, de música antiga, clásica, jazz, tradicional ou vangarda e que traballa nos conservatorios galegos e nas escolas de música do país, sementando dende a base os alicerces dunha nova cultura musical, representada nunha mocidade que practica a música dende a infancia, cada vez a meirande nivel, e que aprende a amala e a protexela como parte da cultura propia e da cultura europea herdada da Ilustración. Pois ben, toda esa nova xeneración de músicos, e todo o que de ela emana e xorde no plano educativo ou cultural, directa ou indirectamente, non se entende sen o traballo educativo que, moitas veces contra vento e marea, se realizou tenazmente a partires da OSG e os seus proxectos educativos.

A música, dende a tradicional até a dos grandes mestres clásicos, é parte da nosa identidade como pobo europeo e debe formar parte da educación fundamental das novas xeracións. Aprender a escoitar, a traballar en equipo, a entende-la diferenza como motor de progreso, de convivencia e de búsqueda do ben común son leccións imperativas para acadar a excelencia no exercicio da música. E son tamén valores cidadáns ilustrados que non deberían esquecerse nunha sociedade moderna e verdadeiramente democrática. Mentres os suízos blindan constitucionalmente a educación musical nas escolas, os fineses incrementan a súa presenza nas aulas e os suecos integran as institucións culturais coas académicas acadando un sistema educativo público de referencia, ¿onde estamos nós? Galicia debería prestar atención aos Sons de Futuro que chegan dende A Coruña e reflexionar. O Son de Europa pode non estar tan lonxe. Só fai falla escoitar. E actuar en consecuencia.

Cibrán Sierra Vázquez é <span lang="gl">Violinista do Cuarteto Quiroga e profesor da Joven Orquesta Nacional de España.</span>