Dende que en 1906 Santiago Ramón y Cajal obtivo o Premio Nobel polas súas investigacións sobre as neuronas e as súas conexións, a ciencia española non repetiu aquel galardón. 108 anos que superan en soidade aos do finado Gabriel García Márquez, que estes días empezamos a botar de menos. Como case sempre a historia é diferente do que nos contan, pois en realidade non son tantos anos senón a metade. Severo Ochoa, nado luarqués e nacionalizado norteamericano no exilio, obtivo tamén este premio de premios hai a metade de anos. Pero este contámolo a medias porque a ciencia española está unánime e para min asombrosamente convencida de que Ochoa nunca gañaría o Nobel en 1959 polas súas investigacións sobre a síntese do ARN e o ADN, no camiño para descifrar as claves xenéticas, de non ter investigado nunha universidade norteamericana. Pero o traballo na NYU non abondaría sen toda a bagaxe que levaba incorporada. Canto máis afondo no coñecemento do pasado científico español máis convencido estou de que Ochoa tería sido Nobel nos laboratorios da Universidade Central ou na de Santiago ou na de Oviedo, de non mediar o golpe de 1936 e as súas consecuencias todas.
O caso de Ochoa permite extraer leccións da historia. É deses. O seu Nobel chegaría igual porque estaba formado para logralo. O éxito científico baséase en dúas chaves: o empeño e a aposta polos novos valores dentro das equipas científicas e, para iso ser posible, a continuidade da boa política científica e da outra. Como demostrou a historia do doutor Negrín, que foi mestre do nobel Ochoa e continuador de Cajal. A chave dese Nobel foi Juan Negrín, a quen Cajal puxera á fronte do Laboratorio de Fisioloxía de Madrid en 1918 á volta do seu periplo académico en Alemaña e Estados Unidos. Por suposto que Ochoa tería seguido a mesma traxectoria, pero moi posiblemente dende a universidade española, despois do seu propio periplo por Alemaña e Reino Unido. Isto é o que ninguén acredita aínda entre os científicos españois. Certamente é unha hipótese contrafactual, vulgo historia ficción, como o contrario, pero fundamentada no coñecemento do pasado non nos prexuízos da memoria. Ochoa sería nobel igual.
108 ou 55 anos máis tarde, hoxe a ciencia española ou a galega, a mesma Universidade de Santiago que esta semana escolle reitor pode -e debe- aspirar a ter un novo nobel. Aspiración e condicións, con iso abonda. O material humano témolo de sobra e a infraestrutura, pero fáltanos de certo a aspiración. Non se cre nesta posibilidade porque o problema das universidades e da ciencia non son os recortes nin a falta de recursos, senón o desprestixio. O problema non é que non se poida senón que ninguén o cre, ninguén o persegue. Algo de realismo máxico viría ben ¡estou certo que alguén o imaxina! O outro será un problema moi axiña, os recortes, a falla de orzamento e a falla de política científica e da outra que como demostrou Negrín van unidas. O futuro da ciencia os novos escribirano aquí ou fóra, coma no pasado.