Café con leite para todos

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

30 mar 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

Quizais era irremediable. Se cadra tampouco había outra saída. Non se trata de poñérmonos a facer política ficción a trinta e cinco anos vista. Nunca o saberemos. A morte de Adolfo Suárez, expresidente do reino de España na restauración borbónica e democrática, logo de máis de 40 anos de ditadura, vén desatando ríos de tinta (tamén neste xornal), toneladas de nostalxia polo que fomos, polo que non fomos e polo que puidemos ser, e concordo co que Fernanda Tabarés escribía no colorín de onte: a memoria é sempre selectiva, lembramos o que queremos lembrar, o que nos reafirma nas nosas conviccions (ou intereses) ou o que nos manca; e ao final cada quen conta a película como a soñou ou como a quere imaxinar, nunca exactamente como sucedeu.

Vivín a Transición como xornalista mozo, implicado activamente no tempo que nos tocou vivir e dende posicións de esquerda ruturista. Era un tempo difícil. Debo recoñecer que, para min, a figura política de Adolfo Suárez foi crecendo (e mellorando) cos anos, se cadra na medida en que ía sendo arrombado no faiado da situación, en gran parte polos seus propios correlixionarios, e na medida en que os que viñeron detrás deron o nivel que deron. Deixo fóra desta descalificación os dous primeiros mandatos (ilusionantes) da xestión de Felipe González, que -coas súas contradicións- continuou e case que diría que desenvolveu, o salto cualitativo que Suárez iniciara.

Seica estamos a facer reconto dunha época, o que significa en gran medida facer reconto de nós mesmos. Estritamente en termos políticos, se tivese que poñer na balanza un peso negativo e outro positivo, mesmo con todas as matizacións que unha simplificacion de tal calibre comporta, no primeiro caso (o negativo) poría sen dúbida o chamado «café para todos». E volvo ás primeiras liñas deste artigo: se cadra era irremediable e non había otra solución. Gañamos trinta anos, diran algúns. Outros dirán que os perdemos. A realidade plurinacional de España segue sen resolver, ou cando menos segue aberta e non ben encarreirada. A aposta federal que outros propoñían daquela, non callou, asustou, co tempo mesmo a palabra (federal) desvirtuouse, e a solución constitucional (o Estado das 17 autonomias) transformouse nunha especie de revoltallo de excesos, oficinas de colocación, arroutadas retóricas e magnificencias difícil de manexar.

E aquí está o peso positivo no outro prato da balanza. No seu día, Suárez acertou nalgo fundamental: a capacidade de sentarse a falar, mesmo por instituto de supervivencia, se non queremos dicir intelixencia. Repito: mesmo por instituto de supervivencia o diálogo, a capacidade de escoitar ao outro, a consideración do pacto (incluida a capacidade para construir un escenario legal necesario para que o tal pacto se produza) son cualidades obxectivas que a historia lle recoñecerá ao expresidente e aos que con el navegaban naquelas augas de antano, atrévome a dicir que bastante máis procelosas que as de ogano.