O 4 de xullo de 1976 o rei escolleu a Adolfo Suárez presidente do Goberno entre a terna que lle presentaba o presidente do Consello do Reino, seguindo as prácticas, entre eclesiásticas e medievais, estabelecidas pola ditadura franquista nos cuarenta anos anteriores. Era o falanxista habitual, ministro secretario xeral do Movimiento, entre un católico reformista, Silva Muñoz, autor da aperturista Lei Xeral de Educación de 1970 e un tecnócrata do Opus Dei, exministro de Industria e de Exteriores. Suárez representaba a tradición política do franquismo, a dos falanxistas do Movimiento que na súa xeración, nacera en 1932, fusionaban o catolicismo humanista de Acción Católica coa vocación política do falanxismo domesticado dende 1943. Unha amalgama que reflicte o que foi o franquismo e que representa ben nesa altura as súas familias políticas, despois dunha adaptación a circunstancias cambiantes que incluíu disidencias na evolución interior, na que algúns intelectuais falanxistas acabaran na órbita do PC e non poucos integristas católicos abrazando a apertura do Vaticano II.
Suárez era, sobre todo, o máis novo dos tres, cuestión esencial nun proceso de cambio que quería rachar co pasado e construír o futuro. El e os seus fixeron o segundo impecablemente ata hoxe. O primeiro só na medida aparentemente necesaria. A idade foi un factor clave pois tratábase de xubilar á xeración que fixera a guerra e o réxime e el era o capitán dos xóvenes, presidente do primeiro Goberno dos penenes, como despectivamente lles chamaron, dos cuarentóns mais ambiciosos, con menos ataduras, dos que sabían que tiñan que arriscar para poder seguir. Construíu a reforma rupturista e a ruptura pactada como punto medio de saída entre un pasado ameazante constituído pola memoria manipulada da guerra, baseada dunha permanente -e verosímil- ameaza militar, e unhas ansias de cambio social e de futuro que todos, do réxime ao PC, entenderan e alentaran dende finais da década dos cincuenta, cando Suárez era un mozo universitario que pensaba en formar unha familia. Suárez foi o que antes se chamaba un home providencial, o home adecuado para dirixir desde dentro o proceso de voadura controlada do franquismo. En cinco meses aprobou a Lei da Reforma en referendo, en once fixo e gañou as primeiras eleccións, en 24 a Constitución e as autonomías. ¡Había que ter ambición de futuro!