Todo está no mar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Todo está no mar. Todo o que nós sabemos e o que descoñecemos.

Os peixes e as súas escamas, incluso aqueles que non sabemos como son, feos coma cornos, agochados nas profundidades. Tamén os bidóns cheos de produtos radioactivos que diriximos ás fosas abisais.

Todo o azul e os seus tons, dende o verde ao gris, están no mar. A gama de cores que abranguen os nosos ollos.

A liña do horizonte tamén está aí. E o solpor que miro dende lonxe desexando que non remate nunca.

A calor dos trópicos, e o frío húmido que se che mete nos ósos á última hora da tarde, subida á chalana pescando luras.

As bágoas todas que ninguén ve tamén van alí, porque no mar ten cabida todo, a vida e a morte, a partes practicamente iguais.

No mar está aínda o corpo dun dos náufragos do Santa Ana. Tamén o golfiño que chegou a Foz despois do temporal, desorientado, e que axiña atopará novo rumbo dentro das rúas invisibles que trazan as ondas.

No mar están reflectidas todas as estrelas da noite, puntos de luz que parece que non se moven, comparados cos destelos dos avións, titilando e deseñando autopistas polo ceo. Pode que agora agoche o avión malasio, ese mesmo do que non se sabe absolutamente nada. Hipóteses a ducias, mentres pode que a solución só a saiba o mar.

No mar tamén está o pan. Pan e peixes, coma no milagre. Pero neste caso, con cerco. Un moi duro e complicado, por iso custa atopar un acordo, porque se xoga co alimento de moitas familias. E porque Madrid non ten mar, e dende alí, é difícil entendelo.