Flores

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Quen ama as flores coñece o segredo. Nacen cohibidas, introvertidas, humildes. imperceptiblemente. Silentes, mudas, trepan marzo arriba nos recantos máis inesperados. Hai beirarrúas desusadas que nos seus vértices, como oriflamas, deixan crecer flores. Acompáñannos con inmedible tenrura. Medran ao noso redor e nós, soberbios, apenas miramos cara a elas. Estes días habería que sobar as flores que agroman nas árbores, parques e xardíns desta terra que se chama Galicia Galicia Galicia: país das marabillas. As flores devolven ganas de vivir cando as ganas de vivir faltan. Un consello: despacha flores en lugar de guasaps. Flores en vez de rancor. Nas mesas das tertulias había que colocar flores: substitúen ás palabras cando se converten en pasta espesa, viscosa, indescifrables voces repetidas. Perdeuse o costume dandi de colocar flores na lapela. Ou nos sombreiros das damas e fidalgos paseando as alamedas. Eu, porén, namorado das flores, dedícolle a miña atención -digo o meu corazón- e cos meus dedos levanto a súa seda, suave, para seducilas, golosa, amadamente. Neste modernidade de modernos tan antiguos, fatuos e petulantes, reclamo o recendo das flores. Envía e recibe flores de vivo mentres esteas vivo. Aproveita os días de marzo. Desperta os apetitos. Respira. Primavera. Disfrázate de optimista agora que os optimistas somos minoría. Sorrí. Non pintes de vinagre os prados e asfaltos. Océano alegría. O escepticismo tamén pode practicarse con gozo. Repudio a amargura. E regreso ás flores como antidepresivo eficaz, tentador, alentador e excitante. Quen ama as flores coñece o segredo.