Coñezo xente capaz de ver (distinguir e descubrir) cos ollos pechados. Non miran as fachadas e presenzas e cosméticas, senón por dentro. Son individuos simples que podes encontrar por todas partes, nas oficinas e nos cafés e dando de comer ás pombas nerviosas do parque. Se te achegas a eles, verás como eles: transparencias. Verás claridade en lugar de escuras penumbras, túneles, pozas e pozos. Verás que a nada conduce observar os seres e enseres en clave de fa: facinerosos, falaces, fauces. Que sempre hai un lugar de sosego para os que sosegan aos outros. Que a dor existe, pero que os científicos (eses seres imprescindibles e «recortados» por mor da desidia e indolencia do Goberno) inventaron analxésicos e anestésicos de eficacia extrema. Que a tristeza é un motel de paso. Verás cantar o cuco con voz de Schubert, suave. As cores do sol cando o sol lambe con lingua de amor a Fisterra, patria de Nós. Verás unha oportunidade de levantarte cada vez, outra vez, que caias rendido nas uñas da derrota. Verás os ollos que debes ver, e deixarás que os outros sigan pescudando codicias e avaricias: os lugares que non importan. Verás flores, primavera arriba, e non a insistencia da desazón cada marzo e cada abril. Verás, e sentirás, os bicos perdidos e os perdidos abrazos. Verás a felicidade se es capaz de limpar o teu mirar. Resístete a divisar horizontes cos lentes dos outros. Utiliza os teus. Non permitas que arrebaten de ti a inocencia inxenuidade candor. É preciso, hoxe máis que nunca, rebelarse contra a monarquía das fachadas e presenzas e cosméticas. É preciso cerrar ben os ollos. Para ver.