Non basta con chorar

Ramiro Otero (Secretario xeral da FSC-Galicia de CC.OO.) NUEVA TRAGEDIA EN EL MAR

OPINIÓN

11 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Oprimeiro que queremos é acompañar ás familias das vítimas desta desgraza. Para poder esclarecer este accidente e que non sexa unha noticia dun só día, esixímoslles ás autoridades que poñan todos os medios tanto para o rescate dos corpos coma para investigar o acontecido e dirimir responsabilidades.

Coas informacións de que dispomos, este novo accidente no sector pesqueiro responde a unha «tormenta perfecta». Explícome: barco con bandeira de Portugal, armador español e tripulación de varios países. Un accidente destas características pode ter a súa orixe en moitas causas: fallo no motor, na sinalización, insuficiente control das condicións do buque para saír, fallo humano, falta de tripulación suficiente para unha óptima navegación ou falta de entendemento ante unha emerxencia por falta de formación axeitada.

Porén, xa sabemos cal será a resposta oficial; coma sempre, a máis doada: que foi un fallo humano. Así, unha vez máis, evitaranse responsabilidades penais e administrativas. Botarlle a culpa á tripulación é sempre máis fácil que asumir a falta de control que adoita haber nestes buques.

As tripulacións seguro que están formadas por profesionais do sector que coñecen moi ben o seu traballo no desenvolvemento da faena de pesca, pero, ¿realizan os exercicios necesarios para coñecer a actuación a realizar por cada un deles en situación de emerxencia e así poder afrontar un accidente destas características coa mellor coordinación posible?

Falamos, por exemplo, da posta en marcha do protocolo de emerxencias, da activación das alarmas necesarias ou de como botar unha balsa ao mar. E falando disto, ¿funcionan adecuadamente as alertas e os dispositivos de emerxencia? Por outra parte, antes, para que un buque puidese saír faenar, informábase diariamente da súa situación e estado; agora, o despacho ten outra periodicidade e nós preguntámonos se con isto é abondo.

No lugar do suceso estarán todas as autoridades, asegurarán que se poñen ao dispor das familias as axudas necesarias... É o mínimo que poden facer nestes momento, ¡pero que tampouco alardeen, xa que é a súa obriga! Dito isto, deben aclarar o sucedido e pedir responsabilidades: investigación, dimisión, sanción... o que proceda. Ten que ser o camiño a seguir.

Con todo, non podemos esquecer que na formación e nunhas condicións laborais dignas está o futuro dos profesionais do sector pesqueiro. Non basta con chorar: hai que poñer os medios para evitar unha nova desgraza. O sector da pesca non pode seguir permitindo a sangría de accidentes no mar.