Orgulloso de ser etarra

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

O etarra Martitegi manifestoulle ao xuíz na Audiencia Nacional que estaba «moi orgulloso» de ser militante de ETA e que asumía todas as accións político-militares da banda no seu medio século de historia. Segundo algúns medios, o público respondeu co puño en alto.

Días antes, outros etarras escenificaron un sainete. Nel mostraban unhas armas a uns individuos aos que unha asociación chamada DAG lles paga, según declararon, 750 euros por cada xornada de traballo, ou sexa, por mirar como os encapuchados recollen as armas, as meten nunha caixa e vanse con elas a outra parte. Algúns medios nacionais e estranxeiros interpretaron a función como un xesto de boa vontade por parte de ETA, que se pon en camiño de entregar as armas. Caixiña a caixiña e, de momento, quedándose con elas; xa ven que gran paso. Os dous feitos, declaración e sainete, son as dúas caras dunha única realidade: ETA non se arrepinte nin recoñecerá nunca que actuaron como unha banda de asasinos fanáticos. Pero, de cara ao exterior, ofrecen de cando en vez esa imaxe de loitadores pola liberdade e a independencia dun pobo oprimido. Nesta situación é fundamental que as forzas do Estado sigan detendo aos etarras en activo e que se manteña na cadea aos xa condenados. Se ETA quere facer teatro, alá eles.