A voltas coa lei xitana

Santiago González Avión EL DEBATE

OPINIÓN

09 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Asistimos durante as últimas semanas a unha longa serie de declaracións en diferentes medios de comunicación que afirman a existencia dunha lei xitana, confirman a súa aplicación no ámbito penal e reciben os parabéns dunha parte da opinión pública. Como persoa con trinta anos de experiencia no ámbito da intervención social coa comunidade xitana, debo negar a existencia desa suposta lei xitana e denunciar que non é no ámbito penal onde cómpre un recoñecemento do dereito consuetudinario das comunidades xitanas residentes en Galicia e en España. Fágoo desde a proximidade ás vítimas. Porque estiven na súa casa e ofrecinlles a miña axuda desinteresada antes de que se achegase ningún dos líderes de opinión que despois protagonizou o debate.

En relación coa suposta existencia dunha lei xitana, ata onde coñezo, as comunidades xitanas (galegas, castelás?zamoranas, portuguesas, romanesas...) residentes en Galicia carecen dunha autoridade xudicial constituída e recoñecida por todas as partes interesadas. Tamén carecen dunhas normas de procedemento que sexan de aplicación para dirimir cuestións conflitivas. Ora ben, se por lei xitana entendemos, en senso amplo, un conxunto de padróns culturais integrados por valores e normas que articulan a familia, fan posible a convivencia e xestionan os conflitos cando se producen, hai que admitir que esa construción cultural existe, está viva e ten plena vixencia na actualidade. Pero existen fortes diverxencias nas formas de aplicación deses valores e no enunciado das normas nos diferentes grupos culturais que integran as comunidades xitanas. E mesmo cada familia ofrece unha idiosincrasia propia na recepción e transmisión dese legado cultural.

Verbo da aplicación penal do suposto dereito consuetudinario xitano hai que comezar dicindo que o noso ordenamento xurídico exclúe a vinganza e a lei do Talión como principios inspiradores de calquera norma sobre a que se fundamente a convivencia. Tamén na nosa tradición cultural aparecía ese principio: «pago por pago non é pecado», dicíamos os nenos de Mondariz no patio do recreo cando vingabamos unha aldraxe de calquera tipo (insulto, roubo, agresión...). Felizmente, imos deixando atrás ese enfoque. Ademais, o ámbito de aplicación do dereito consuetudinario é o dereito civil, mais non o penal. Daquela, pódese reclamar o recoñecemento do matrimonio xitano e da súa articulación da familia, pero non o recoñecemento do desterro como garante da convivencia.