Memoria da historia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No Canto Segundo da Ilíada, Homero describe con admirable precisión, case que con meticulosidade de documentalista, a concentración dos exércitos nas praias de Ilion (Troia), cercada durante dez anos ata o seu incendio e destrución. Alí están os beocios, os foceos, os locrios que acaudillaba «o veloz Aiante, fillo de Oileo», os mirmidóns de Aquiles, as naves de Agamenón, os arcadios, os atenienses, os etolios, os cefalenios de Odiseo, os lacedemonios, os cretenses, os que viñan de Rodas, de Cos, das illas Calidnas, Pilos, Esparta, Mileto, Salamina? Abraia a enumeración das naves, a descrición das armas, os soldados e os capitáns dispostos para a batalla, o sangue a enchoupar o areal, os berros das vítimas e dos matadores.

A guerra de Troia, que o poeta canta contra o século VII a. de C. aproximadamente, ocorreu en realidade case seiscentos anos antes, cara ao 1250, segundo Herodoto, o pai dos historiadores. Mais debeu deixar tal marca na memoria das xentes, debeu ser tan feroz e impresionante o acontecemento que a súa pegada perviviu ao longo dos séculos, mesmo ata os nosos días.

Non deixa de ser estremecedor (e terrible) que o principio da nosa literatura, a fonte primeira do noso relato colectivo (xunto cos libros primeiros da Biblia), sexa unha matanza destas características, por máis que o poeta nola vista de afervoado heroísmo. Tamén de traxedia. Algunha vez téñollo explicado así aos meus alumnos: no principio está a furia, a cólera dos homes, a vinganza, a ambición. Fixádevos na guerra do Golfo, por exemplo. Ou nas guerras e conflitos que afloran diante de nós cada día. Agamenón, «o señor dos guerreiros», convoca as alianzas: as cidades todas da Grecia micénica, que neses momentos están a establecer as súas colonias de negocio no Mediterráneo oriental, concéntranse para abater o poderío da cidade dos Dardanelos, que controla as grandes rutas do comercio de Asia Menor. Hoxe é a enerxía, os gasodutos de Ucrania, os pozos de petróleo de Iraq. Antes foron outras fontes de riqueza ou materias primas. A historia (e a razón do conflito) repítese con lacerante teimosía. ¿Non deprendemos nada? Semella que non. Ou moi pouco.

De cando en vez volvo aos clásicos, porque alí está todo. O arqueólogo alemán Manfred Korfmann localizou a finais do século XX o que seguramente é o asentamento histórico de Troia, que Heinrich Schliemann empezou a escavar a finais do XIX. Segundo Korfmann tratábase dunha cidade de aproximadamente 10.000 habitantes, cun cerco de case 270.000 metros cadrados, dimensións extraordinarias para a época, na península de Anatolia, noroeste da actual Turquía. Non sabemos cantos efectivos moveu a alianza dos aqueos. A listaxe homérica é impresionante. Durante moito tempo o mundo pensou que era unha lenda. Schliemann, obsesionado polos heroes de antano, dedicou os mellores anos da súa vida a escavar aquel mundo e recuperalo para a historia. Queimou no empresa a súa fabulosa fortuna, amasada por certo vendendo armas aos dous bandos durante a guerra de Crimea.