Si. Só se explica así a xeneralizada ledicia que nos invadiu non só despois do documental falso sobre o 23-F elaborado pola equipa de Jordi Évole, senón tamén o asentimento xeneralizado e acrítico ás súas explicacións: que se así quería obrigarnos a pensar sobre o noso grao de aceptación da versión oficial, que se non é xusto que os documentos estean clasificados, que se nunca se fixera en España tal «experimento sociolóxico», que se Évole é o Welles español, e un longo etcétera de parvadas coas que agachar que o experimento era o produto dunha feroz loita pola audiencia. Polo visto, se nolo adubian ben coa dose de redes sociais, deixamos en suspenso o sentido crítico que supostamente nos ensina Évole e collémoslle o gusto a que nos tomen o pelo.
En realidade, esa é a única lección do suposto experimento, visto que parece que a xenialidade de Évole, de existir, non está na súa capacidade para aproveitar a merecida sona de xusticieiro da verdade para ser trampuzas un día e contarnos unha película no espazo de información que dirixe. Aos españois gústalles sentirse parvos, especialmente se llelo di aquel a quen outorgaron a condición de xenio sen comelo nin bebelo. Por tanto, e en virtude do mesmo experimento, deduzo que lles encanta que lles mintan. Só así se explica que nos marabille que nos conten unha divertida ficción sobre o 23-F, e que aturemos impasibles o discurso triunfalista de Rajoy desde a tribuna no debate sobre o estado da nación. Sendo así, aínda non entendo por que lemos tan pouco.