De todos é sabido que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Non está de máis lembralo, sobre todo en días coma estes.
Unha imaxe, a da pasada semana: a de dous terroristas, encapuchados, amosando que inutilizaron unha cantidade irrisoria de armamento, comparado co que se supón que teñen (que non se pode saber con exactitude, pero posiblemente sexa moito máis do que poidamos imaxinar incluso). As palabras: as dos verificadores internacionais que toman a actitude coma unha marabillosa nova.
A imaxe di o que di. Non fai falla facer unha análise profunda para sacar as conclusións máis sinxelas: non dan a cara, non se renden, non entregan nin sequera o material que amosaron nese acto, o cal resulta alarmante, irónico e incrible.
Por suposto, tampouco entregan o armamento. Nin de lonxe unha físgoa que faga supor que se vai disolver a banda.
¿Que pretenden, daquela, facernos crer os verificadores? ¿Que isto é a fin? Por suposto que non. ¿Que é un xesto? Si, pero nada máis ca iso. Coma houbo outros, algúns permanentes, outros pasaxeiros.
Non é isto o que necesitamos, o que queremos, o que agardamos.
Pode ser que dende fóra as cousas se vexan distintas, pero o caso tampouco é este. Dende fóra non se verá isto coma un avance. Dende fóra o que ven de nós é que nos toman o pelo. Como non nos chega cos casos de corrupción, polos que xa somos mundialmente coñecidos, agora engadimos o que se rin de nós os terroristas. Pois moi ben.
O dito. Por moitos discursos que lle poñamos ao carón, as imaxes falan.