Hexápodos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Insectos que non poden mirarse nos espellos: os da verdade. Fálase deles con profusión este febreiro. Son humillantes en democracia. Non deixarei de escribilo: repúgnanme. Converteron unha das disciplinas sociais máis nobres, a política, en ocupación de facinerosos. O 95 % da poboación pensa que a corrupción está xeralizada e este dato, terrible, é proba evidente de que esta crise non é só económica. Crise moral, espiritual, humana. Pero non son os únicos culpables. Por todas partes -habitante desta illa dos xoves- pululan os hexápodos (con seis patas para corromper e corromperse): análogos e homólogos. Son eses que xustifican as «pequenas corruptelas». Que ven asuntos menores estes que comentan Galicia e España en tempo de invernía. Inverno: dentro e fóra. Os insectos, con ou sen despacho e cargo público adosado, son andazo que non podemos consentir. É preciso acabar coas súas artes bandidas. Non ver normal o que parece normal nesta era caduca. Vender favores, por regalos ou sobres, é práctica de pérfidos. Recibir comisións a cambio de contratos é o mesmo que atracar, usurpar, estafar. Pero non todos son así. Creo que hai políticos honestos, vocacionais, que queren mellorar o mundo. Creo neles, especialmente nestes días. Sei que existen. Coñezo varios. Militan nas esquerdas ou dereitas, profesionais, afeccionados, novos ou veteranos. Nobres, ilusionados, soñadores. Elas e eles están chamados a rematar coa peste. Eliminar para sempre da vida pública e política aos foraxidos. Esta banda de desalmados que non son coma ti, lector. Ti, a quen pido desculpas pola rabia. Ti non es un hexápodo.