Tal día coma hoxe Xosé María Díaz Castro -escritor designado pola Real Academia Galega para conmemorar as Letras Galegas deste 2014- faría cen anos. Magnífica ocasión, pois, para comezar as celebracións do poeta falecido en 1990 cunhas apreciacións sobre unha figura da que, sen dúbida, hase falar moito e que, así de primeiras, aparece ante o gran público como un descoñecido cun só libro publicado. Certo que a obra cimeira do de Guitiriz está contida, que non reducida, nas trinta e dúas composicións de Nimbos, poemario aparecido en 1961 e que marca un antes e un despois, que permanece coma labarada cegadora. Escadasí, a traxectoria do autor é a dun poeta total -vocación, lecturas e aprendizaxe-, alguén que comezou a escribir de neno e que continuou, íntima e intelectualmente, ferido pola literatura, como creador e como tradutor, ao longo de toda a vida. Nimbos é -como ten dito Armando Requeixo, principal estudoso- un continente inabarcable, unha desas potencias que configuran e elevan, que marcan a altura de calquera sistema literario. E Díaz Castro constitúe un modelo de escritor esixente, preciso, dos que transmiten emocións e sentimentos a través dos símbolos universais, valéndose dunha ferramenta xenuína -en tempos de maior penuria que a actual-, a fala da xente, fonte limpa do idioma elevada á meirande categoría. Alleo a modas, de costas ao que na lírica dos 60 era obxecto de consagración -sen escaparlle por iso ao compromiso identitario- ergue o poeta un circio monumento, desde a ausencia, seguindo a cal do río de Deus, pero facendo berrar as pedras. De por parte, cómpre cernar a rente a cecha denominación de local, chairego de escola, voz do cadullo da tribo... Nada diso, aínda que apouse o verso no tempo que vai de Parga a Pastoriza, o seu alento é inmenso e abrangue a terra toda, alumea con luz propia a noite do mundo. Aproveitemos a obra e o exemplo de Díaz Castro, un políglota que amaba, sobre todas, a súa propia, para facer deste ano o da Calidade da Lingua. Ben nos cómpre.