Democracia ou corrupción

Yolanda Díaz < / span>Viceportavoz parlamentaria de AGE< / span>

OPINIÓN

09 feb 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Oinimigo dun réxime que se quer democrático é a corrupción, plebeia ou coronada. Esta é antagonista da democracia. Porque ou decide a cidadanía, o pobo, sobre as cousas da res publica por procedementos democráticos, transparentes e participativos, ou os intereses privados acubillados na escuridade de gasolineiras, vilas espléndidas ou reservados exclusivos derrúen o interese xeral.

A corrupción constitúe xa, neste réxime da segunda restauración, unha forma de goberno oligárquica e antisocial, sendo o cemento dos intereses das clases dominantes, e fragua nesa caricatura de alternancia que coñecemos como bipartidismo. Dous partidos comulgando nunha única política, a neoliberal; a das privatizacións, recortes, paro, precariedade, crise, desafiuzamentos, angustia, medo, resignación? predicados todos dunha política neoliberal cuxo norte é a corrupción.

As tramas que aparecen nas cidades como Lugo, Ourense, A Coruña ou Compostela, e en tantas outras vilas, semellan ser apenas unha fracción do mundo de delitos, inmoralidade e negocios feitos de costas á cidadanía e en contra dos nosos intereses, entre as grandes empresas corruptoras e os políticos do bipartidismo. Non valen as desculpas baleiras, non valen os panos quentes que tentan reducir a extensión e fondura da trama; non valen as apelacións á feble condición humana ou as referencias a unha educación troppo católica, todas cantinelas benevolentes con esa forma de terrorismo contra a democracia que supón que empresas e políticos rouben, vulneren a lei e finxan unha insolente indignación.

O balanzo dos danos da corrupción é devastador: preterición do interese xeral, sacrificado no ara dos intereses privadísimos das empresas concesionarias dos servizos públicos privatizados, degradación deses servizos, perda das condicións laborais e de emprego, sobrecusto económico para a cidadanía e destrución dese ben intanxible que é a confianza na política como ferramenta para a mellora das condicións de vida da xente e mesmo como panca de emancipación social; política que a corrupción reduce a coartada de sinvergoñas, ladróns, hipócritas e demais ralea de personaxes propios do octavo círculo do inferno de Dante.

Se os partidarios do réxime argallan a amnistía da impunidade, o que o pobo ordena son demisións e unha fonda rectificación da política, para rematar coas privatizacións, que son a base material do saqueo do público en que o afán de lucro das burguesías e a súa expresión política, o bipartidismo, converteu este país. Quizabes, se derrotamos aos partidarios da corrupción, poidamos entón acadar a arela do venerable Ingrao, pedir a lúa.