A erótica do poder

Pois si. Hai un par de noites eu mesma soñei que tamén me enredaba con François Hollande. E non era un pesadelo. Alí estaba eu, falando desde o atril dun mitin con François botándome bicos desde a primeira ringleira. Detrás, as súas xa tres exmulleres mirábanme cunha mestura entre inquina e ciumenta admiración. Un día máis volvín ollarme no espello pola mañá e formulei en alto a pregunta de sempre: ¿Que nos dá Hollande ás mulleres? ¿Será esa pinta de señor normal, de francesiño medio? ¿Será ese punto refinadamente humano que lle imprime á política? ¿Ou serán esas ganas de querer vivir coma se estivese dentro de O presidente e Miss Wade?

A pesar de que Valérie Trierweiller declarou que foi a política a que os separou (tamén, non sei que pensaba ela que era a vida dun presidente de Francia), eu creo que no seu caso, coma no meu soño, foi xustamente a política a que os xuntou. Ese charme dos presidentes de Francia que case fai que un non sexa un prémier que se prece se non ten o seu correspondente lío sentimental. Hollande, nese senso, estaba servido. Xa viña co lío posto, despois desa relación tan rara con Ségolène Royal, xuntos entre si e revoltos no Partido Socialista, por non falar do morbo que constituíu para os países do sul, os escandalizables PIG, unha primeira dama que vivía en pecado no Elíseo.

Quizais todo sexa pola erótica do poder. Pero eu, que queren que lles diga, seguramente siga soñando con Hollande agora que a crise non me deixa ir ao cine. Pois o cine francés, coma a política gala, é moito máis interesante ca este noso país de presidentes tan aburridamente fieis, correctos e inhumanos que case cheiran a mentira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
38 votos

A erótica do poder