Curar a homosexualidade

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

25 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non parece moi axeitado o modo que escolleu o recente monseñor Sebastián para chegar á Gloria, esa aspiración tan propia dos cardenais. Porque eu non sei se a Deus o ofenderá que un seu mensaxeiro diga que a homosexualidade é unha enfermidade, curábel coma a hipertensión, meténdose no sarillo de dous sectores de poboación, os homosexuais e os hipertensos, que, a priori, non estaban chamados ás leas da procura da Gloria dos cardenais. E, polo que parece, a Igrexa non debe de estar en condicións de andar perdendo adeptos, sexan gais ou hipertensos, mesmo ambas cousas a un tempo. As dúas condicións son perfectamente compatíbeis con ser católico, algo que sempre me sorprendeu tanto dos gais coma dos hipertensos: ¿como poden manterse fieis ao dogma despois de andaren sempre na boca (para mal) dos xerifaltes eclesiásticos? Supoño que a fe serve para ignorar os provocadores, e que a mensaxe de Cristo, ben entendida, contribúe a relativizar o que din os fariseus do templo. Pero nin a sociedade é a Igrexa nin todos temos por que ter fe ou confianza na mensaxe de Cristo como para obviar o que din, especialmente cando ofenden. Alleos á realidade e sociedade, os homes de Deus na terra adoitan falar do que non saben, ou máis ben, xulgar ao que temen (a tentación). Tales son as consecuencias entolecedoras do celibato. E tamén as consecuencias de seguir crendo na capacidade para influír na organización política e cidadá que, por sorte, se perdeu en tempos preconstitucionais.