Linchemos o actor

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Que útil é a corrección política para lavar conciencias con xabrón barato. Tampouco é unha novidade. No século XVII pasáballe a Molière, cando a jet set prefería censurar Escola de mulleres en lugar de preguntarse se aquel ataque despiadado non lles estaría lanzando unha mensaxe sobre a súa propia podredume. E agora pásalle a Luís Tosar, que ve como as mesmas que o encumbraron por protagonizar Te doy mis ojos e participar en toda canta acción solidaria antimachista hai, decidiron linchalo, quizais porque os golpes de efecto son así, ou a facilidade de buscar un cabeza de turco para un problema, o da violencia machista, que é moito máis difícil ca unha película, un festival, ou un anuncio na tele. A diferenza de Molière, que aínda recuncou coa Crítica á Escola de mulleres, Tosar pediu perdón por traballar nun simple vioclip dun grupo chileno que seica frivoliza coa violencia machista, incorrendo, el si, na frivolidade de pedir desculpas en lugar de avisar de que os bárbaros, non os artistas, seguirán matando mulleres. Tosar flaxelouse, e comezou así unha penitencia que o leva polo viacrucis dos bempensantes dispostos a ditar unha corrección moral na que parece máis grave falar de matar ca matar verdadeiramente. Non se estrañen: fai parte do boísmo que se puxo de moda ao mesmo tempo cá indignación e que xera estas estupideces. Ao tempo que linchamos a Tosar, escandalizándonos de que uns rockeiros falen de matar mulleres, cantamos boleros machistas nas sobremesas, bailamos reaggetóns insultantes e lemos aos fillos contos cheos de crimes. Pero que fácil é linchar un actor. Total...