España é un paraíso fiscal

Demetrio Vázquez Martínez DE COTÍO

OPINIÓN

Andamos nestes días co ruxe ruxe da Axencia Tributaria que comezou cando unha responsable inspectora foi cesada por negarse a rebaixar a unha gran empresa defraudadora a sanción que lle correspondía, de 450 a 15 millóns de euros, como pretendía a superioridade (disque é unha práctica habitual cos grandes defraudadores que os expedientes acaben con rebaixas).

O imposto de sociedades ten un tipo impositivo nominal do 30 % para as grandes empresas e do 25 % para as demais, pero o tipo real polo que liquidan o imposto anda arredor do 9 %.

Os profesionais liberais e os autónomos declaran ingresos de aproximadamente o 50 % da media declarada polas persoas asalariadas, mesmo das que traballan para eles.

Os evasores fiscais e defraudadores, tanto que obtiveran os seus capitais cunha actividade inmobiliaria ou industrial, como se o fixeran co tráfico de drogas ou o proxenetismo, teñen cada certo tempo amnistías fiscais ao seu dispor, e tan contentos.

Oficialmente España non é un paraíso fiscal, pero na realidade, para algúns, se non o é parécese moito. Eles séntense na gloria.

Parecería unha comedia se non fora que as consecuencias para os demais, para a inmensa maioría das persoas, son que as súas vidas avanzan cara ao inferno.

Menos emprego, menores salarios, máis desprotección, ameazas sobre os servizos esenciais da saúde, da dependencia, da educación...

Só a combinación dunha reforma fiscal que faga a tributación, é dicir o que todos e todas aportamos para o ben común, realmente progresiva en función da capacidade económica de cada quen, e unha loita decidida e real contra a fraude, fará posible que o noso país deixe de ser un verdadeiro paraíso para uns poucos e un purgatorio ou un inferno para a maioría da xente.

Nas mans desa maioría está, en democracia, a posibilidade de que isto mude.

Demetrio Vázquez Martínez es secretario xeral da Unión Comarcal CC. OO. A Coruña