¿D euse algunha vez no mundo democrático a estrambótica situación de que alguén pretendese impedir un acto cultural -un congreso, un simposio, un ciclo de conferencias- por presunción, ou máis conxectura, de que non cadraba coa súa ideoloxía? A non ser baixo os diversos fascismos, podería asegurar que nunca.
Agás en Barcelona, onde en días pasados tres partidos políticos que se proclaman democráticos sen mostras visibles de rubor, alporízanse pola celebración dun simposio sobre tirapuxas e friccións entre Cataluña e España, situacións que van ser analizadas por historiadores, algúns de prestixio internacional, confundindo, na súa indixencia cultural, a procura da verdade histórica coa súa ideoloxía.
Para vergonza deste país polo ancho mundo, preténdese que interveña o fiscal e que se suspendan os actos e se persiga aos que interveñan. Entre tanta lei represiva en camiño, entre tantas patadas na boca, entre exemplos tan sectarios como o das biografías da Academia da Historia, ata é lóxico que as mentes simples pensen que un couce máis pouco importa.
É preocupante a falta de sensibilidade democrática, e de mínima cultura, dun país no que estas aberracións poden ter lugar. Porque demostran que a cabra tira ao monte, que algúns, pode que moitos, non son capaces de liberarse do herdo autoritario -fascista, sen a menor dúbida- do que proceden.
¿Que idea poden ter do mundo civilizado eses descerebrados denunciantes, que nin sequera se decatan do ridículo universal en que caen e que hoxe coñece con abraio todo o planeta? ¿Tan torpes son certos dirixentes políticos? ¿Son esas as mans en que estamos? ¿Non foi abondo o ridículo do inglés da alcaldesa madrileña? Sen dúbida, unha colaboración máis ao prestixio da marca España.