¡Cubita linda!

OPINIÓN

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un ourensán, de Maside, José López Rodríguez, Pote, foi, nos felices 20 do XX, un dos homes máis ricos e influíntes de Cuba. Chegara analfabeto e, con esforzo e agudeza, acadou o triunfo nunha curta vida. Empezou na mítica librería habaneira La Moderna Poesía e acabou cun imperio, pero se non se posicionase a favor da independencia -aínda que de pico para fóra-, se non lle pagase a campaña electoral a José Miguel Gómez, alias Tiburón, mayor general del Ejército Liberador e segundo presidente da República en Armas, corrupto, masacrador de 3.000 negros que reclamaban os seus dereitos, non chegaría nunca á cima. Pote fixo tamén boas migas con Mario García Menocal, inimigo de Tiburón, terceiro mandatario (1913-1921). Enxeñeiro obediente aos intereses norteamericanos, líder conservador, membro dunha das familias máis rancias, millonario, impulsor da industria azucareira, Hugh Thomas di que «la decisión de Menocal -entrar en la Primera Guerra Mundial- permitió que los soldados franceses combatiesen con los estómagos llenos desde La Habana». No 1917, con Menocal, ergueron os nosos o Palacio del Muy Ilustre Centro Gallego de La Habana. Menocal foi de todo e acabou apoiando a Batista. Daquela Pote xa se suicidara. Aganouse cunha saba, na súa Casa China do Vedado, durante a Danza de los millones no 21. Outro ourensán, de Nogueira de Ramuín, Eduardo Barreiros -que tivo que ver na primeira viaxe de Fraga Iribarne a Cuba (1991)-, o Henry Ford español, mantivo posicións semellantes ás do Che Guevara, con respecto á industria automotriz. Afincado alí nos 80, á fronte do CATDA, don Eduardo sacou adiante o Taino con motor diésel feito en Cuba. Os dous son parte de nós na Perla do Caribe, con Fontenla Leal, Curros Enríquez, Cabanillas, Villar Ponte, Blanco Torres, Castelao, Álvarez Gallego, Neira Vilas e moitos outros grandes. Houbo galegos de todas castes, ideas e condicións, até os anduriñas que ían cortar cana na zafra e volvían á súa aldea. Quedan poucos, nados eiquí, claro, descendentes si, entre eles Fidel e Raúl Castro. Cuba foi, segue a ser, importante encrucillada do mundo e Galicia vale de interlocutora, por familiar. Sóuboo facer Fraga, en beneficio de Felipe González, algo puxo Touriño no 2007 e, agora, Alberto Núñez Feijoo continuou, con acerto, a acción exterior deste noso país, que non vai de nada, pero que debe xogar un importante papel na diáspora. Tamén en Australia.