O novo alcalde de Nova York

Lourenzo Fernández Prieto< / span> MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Despois de 20 anos de carismáticos alcaldes republicanos, a cidade de Nova York, cun electorado tradicionalmente demócrata que non atopaba candidato a quen votar, elixiu a Bill de Blasio (1961). O seu perfil de progresista clásico inclúe a herdanza duns pais perseguidos polo macarthysmo, e a acusación dos seus opoñentes de ser un radical que viaxou no pasado a Cuba e á Nicaragua sandinista en campañas de solidariedade. Pero el asumiu sen complexos a contrafigura que lle construíron os conservadores, empeñados ao longo da campaña en asustar a un electorado ao que, de gañar De Blasio, auguraban a volta da criminalidade e a corrupción que o alcalde Giuliani combateu e eliminou hai dúas décadas.

O certo é que o novo alcalde de Nova York mudou radicalmente o discurso político habitual das últimas décadas. Tiven a oportunidade de seguir directamente a campaña e escoitar aos meus coñecidos do mundo académico neoiorquino resaltar a novidade absoluta do discurso de De Blasio no panorama político norteamericano. De feito, rachou coa habitual compartimentación de mensaxes construídas para dirixirse separadamente aos diferentes sectores electorais en termos de razas, xénero, orientación sexual, etc., e renovou o discurso pola vía de lanzar unha mensaxe única e clara: a fenda entre ricos e pobres está ampliándose rápida e perigosamente e o obxectivo é reducila obrigando a partillar a riqueza creada e garantindo un acceso o máis universal aos recursos básicos. Posiblemente dende Roosevelt non se viu nada tan literalmente esquerdista nos EE.?UU.

Un candidato novo cun discurso novo, perfectamente encaixado na tradición da esquerda. Todo isto, por suposto, cunha nova presentación impecablemente nova e efectiva en termos de mercadotecnia electoral e comunicación política como obriga o canon electoral a quen queira gobernar hoxe. Curiosamente foron estes aspectos formais os máis resaltados en Europa e non a cerna da súa proposta e as medidas concretas que propón desenvolver, tales como aumentar os impostos aos que máis teñen para garantir o funcionamento dun sistema educativo público onde todos os nenos son escolarizados con comedores, libros, materiais e todos os recursos gratuítos. Como os meus propios fillos puideron disfrutar. A educación foi de feito un dos grandes protagonistas nunha campaña na que os republicanos insistían en falar de delincuencia e inseguridade. Un clásico.

Non é que De Blasio simplemente gañase a elección, senón que arrasou. Obtivo un de cada catro votos, e nalgúns barrios superou o 85 %. A súa vitoria cimentouse previamente nas primarias do Partido Demócrata, que gañou sorpresivamente entre nove candidatos e nas que se mobilizaron case 700.000 electores. Gañou a candidatos hispanos, de color, e á grande favorita, que estaba destinada a ser a primeira alcaldesa lesbiana da grande mazá. A novidade de De Blasio é simple, efectiva e a xente entendeuna. Dará que falar e xa da que pensar. A quen están dispostos a discurrir.