Hai sentenza para o Prestige, e é moi sinxelo facer valoracións cando se é un alleo, dicir que os galegos manipulamos a información, e que as cousas están no seu lugar, despois de tanto tempo. Pero non debemos esquecer que quen fai esas declaracións, vive a centos de quilómetros da traxedia, e ningún deles estivo limpando as rochas. Ningún desesperou porque o petróleo se coaba entre os furados da area. Ningún manchou os pés de chapapote o verán seguinte ao pasear pola ribeira. Ningún deles estivo aquí secándome as bágoas cando na ría da miña aldea vin agonizar peixes e paxaros impregnados en fuel. Fixeron declaracións daquela ao outro lado do micrófono dicindo que os danos eran mínimos. Fanas hoxe sobre que todo foi un invento dos opositores, en contra do partido que gobernaba. Non teño moito que engadir. Convídolles a que veñan. Que veñan aquí e me digan todo iso, que lles ensino a morea de pedras que continúan lixadas da marea negra. Xa que non viñeron daquela?
Tampouco apareceron cando de nena o Casón encallou e estoupou en plena mañanciña, facéndonos fuxir, abandonar a casa. Non se vía nada naquela noite negra. Pedimos axuda a amigos para acollernos, e fixemos os case cen quilómetros en silencio, co medo pegado ao corpo e as ganas de chorar agochadas no estómago. Nin estiveron daquela, nin hai once anos, nin están co pobo agora. Non nos culpen de manipulación, a tortilla pode dar volta.