O programa Erasmus

OPINIÓN

10 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

S eica a culpa sempre a ten Facenda. Nesta cultura política de retallo e tesoura na que estamos instalados, onde os méritos do gobernante se miden por criterios contables, non por planos estratéxicos, Facenda descolga o teléfono e di: mañá hai que rebaixar 30.000 euros, ou tres millóns. E hai que sacalos de calquer parte, ás veces mesmo de onde non hai. Non estou inventando nada, é así. Seica o dos Erasmus ocorreu desta maneira. Recíbese a chamada e os técnicos póñense a traballar. O ministro Wert, que non é precisamente exemplo de conciliación e mesura, estaba de viaxe fóra de España, e a máquina non o pensou duas veces: alá van as bolsas para os universitarios. As rebaixas en educación, as amortizacións en sanidade, a mingua de recursos na xestión de certas áreas do funcionariado, seguridade, prevención, I+D+i, cultura, non se ven, ou se ven menos (menos que un reaxuste de salarios de cargos políticos, dietas ou asesorías, por exemplo, que habería que consensuar). A clase media, a cidadanía no seu conxunto, cada vez máis castigada, atura o que lle boten e hai tempo que interiorizou a catástrofe como algo irremediable. E a última (penúltima) ocorrencia foi esa: botar man das bolsas dos Erasmus. Foi tan torpe a medida que houbo que corrixila. Pero o apuntamento está aí: acabáronse os Erasmus, e se non acabaron hai que empezar a pensar que a rebaixa vai ser importante.

Cando a Unión Europea vén de aprobar novos investimentos nesta iniciativa, que incluso pretende facer extensiva non só ao ámbito universitario senón ao funcionariado e outros estamentos da administración pública, o Estado español (e por extensión ás comunidades autónomas) anuncia unha importante merma de recursos neste espazo da educación. Non eran grandes cantidades. Pero axudaban. Arredor de 1.500 universitarios galegos (case que 40.000 no conxunto do Estado) veñen acolléndose a esta iniciativa, instituida no ano 1987 para potenciar o intercambio académico no espazo europeo. A meirande parte dos gastos de viaxe e estadía (un ano de estudos continuandos nunha universidade da Unión Europea) corre por conta das familias. A cuantía das bolsas ascendeu no pasado curso a pouco máis de 110 euros por cabeza, mentres que outros países como Alemaña ou Francia dedican a esta iniciativa 400, 500 e mesmo 1.000 euros ao mes.

Varios miles de estudantes galegos pasaron polo programa Erasmus, que cada vez ten máis aceptación. En tempos da ditadura, Franco retirábanos o pasaporte aos díscolos, e os que tiñan oportunidade de saír, para practicar idiomas fundamentalmente, unha das grandes eivas da miña xeración, ían traballar á vendima, ou á recolleita de espárragos, ou á hostelería e ocupacions semellantes, acollidos ás veces na casa de familiares que estaban na emigración. O programa Erasmus naceu coma unha vía de intercambio regulamentado, a prol dese coñecemento e enriquecemento mútuo tan necesario para a construción dun espazo común que aínda está por facer.

Á vista dos acontecementos, todo fica no aire.