¿A tele é de todos cando convén?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

08 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Vaia por diante que non son formas. Os despidos non se fan por e-mail e non se anuncia o peche dunha empresa o mesmo día en que os tribunais determinan que o ERE era improcedente. Que falta de elegancia, que noxo. Dito isto, que curioso é todo. Que curioso que, despois de anos de complicidade con Gobernos corruptos, os mesmos xornalistas que só se rebelaron nunhas poucas ocasións, debidamente acaladas polos propios compañeiros, sexan hoxe adalides do dereito á información. Que curioso que Canal 9 fose ata hoxe un exemplo da aceptación xornalística de manipulación e clientelismo. Que curioso este espertar repentino á conciencia dos que traballaban para o Maligno. Curiosa, si, tanta inocencia nos salvagardas da información. Que curioso que só hoxe os mesmos reporteiros que levan décadas ocultando a opinión de moitos valencianos, sinxelamente discrepantes co poder (¡en democracia!), saísen cos micrófonos a convencer de que a tele é de todos. Que curiosos estes xornalistas que ata agora non se decataran de que o que con nenos se deita, mexado se levanta. E que curiosa a alma humana, que só reivindica a moral cando xa a comenencia inmoral foi expulsada á forza das súas aspiracións. Quizais son eu unha idealista, pero creo que se unha plantilla de xornalistas quere, non hai poder político que se lle apoña. Pero teñen que querer todos. E en Canal 9, ata hoxe, non todos quixeron.