O informe PISA para adultos vén de poñer de manifesto unha verdade que todos sabiamos. Levamos anos dándolle voltas ao sistema educativo, co descontento de docentes. E agora, así nos vai. Quen ten que saber como impartir as clases son os profesores, pero non interesa escoitalos. Por iso non entendo tanto balbordo que se creou arredor do informe. O que nos di xa o sabiamos. Tal como vai o país, está claro que de cálculos e matemáticas andamos mal, e de comprensión, menos aínda. Nada novo. O peor de todo é a resposta dos dirixentes. En lugar de caer da burra dunha vez por todas, agachar a cabeza e arranxar o problema dende a raíz? ¡viñéronse arriba! Cren que, como somos tan burriños, poden contarnos o que queiran, que imos tragar. PISA, pisounos. Conclusión: afirman que os salarios están moderando o seu crecemento, ou sexa, que un chisco si que aumentan. ¡Sorpresa! E dío precisamente o ministro da carteira que expón o contrario: conxélanse os soldos, as pensións soben por debaixo do IPC, e o INE asegura que o salario en España baixa. Pero non pasa nada. Como carecemos de comprensión lectora, a pesar dos datos, poden declarar con total tranquilidade que as nóminas están a subir. O que pasa é que non as entendemos, coma o recibo da luz. Menos mal que quedan pensionistas, fóra dos enquisados no informe PISA, que si teñen coñecementos suficientes para sacar as cores a algunhas ministras. Só nos fixeron recordar unha evidencia. Todos o sabiamos, pero o país espertou por un momento.